
O xeodestino Trevinca-Valdeorras no que se enmarca a comarca de Valdeoras, “rexistrou durante os meses de xullo e agosto de 2026 un notable incremento da actividade turística, con 5.295 viaxeiros e 13.680 noites, o que supón un crecemento do 54,6% no número de visitantes e do 94,5% nas pernoctacións respecto ao mesmo período de 2025”. Así o poñía de manifesto o director de Turismo de Galicia, Xosé M. Merelles, no decurso dunha comparecencia parlamentaria na que fixo balance dos datos turísticos do pasado verán e na que subliñou que os resultados rexistrados neste xeodestino lideran o crecemento do verán en Galicia.
O director de Turismo enmarcou estes resultados nunha estratexia de impulso turístico que busca “complementar os atractivos propios de Trevinca-Valdeorras cunha programación cultural, musical e enogastronómica capaz de xerar novos motivos para visitar a comarca”. Neste sentido, a Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia, “apoia iniciativas que contribúen a enriquecer a oferta turística e a ampliar as posibilidades de desfrute do destino durante o verán e ao longo do resto do ano”, dixo Merelles. Entre as iniciativas que contribuíron a dinamizar a comarca figuran citas musicais como o SilFest Valdeorras, O Son da Estación, a programación de Orballo Cultural, Ou Yeah e V Nove Camiño Valdeorras ao longo do verán.

Ao mesmo tempo, a Xunta está a apoiar outro dos recursos turísticos desta zona como é o enoturismo a través do apoio á Ruta do Viño de Valdeorras co obxectivo de “aproveitar o potencial vitivinícola da comarca e seguir atraendo visitantes unha vez rematado o verán”. Neste sentido, este 2026, Turismo de Galicia contribuíu a deseñar unha axenda de actividades vinculadas á viticultura durante o mes de setembro, coincidindo coa época de vendima e favorecendo a desestacionalización.
“A combinación de eventos culturais con experiencias vinculadas á natureza, ao patrimonio e á cultura do viño permite avanzar cara a un modelo turístico máis diversificado, con capacidade para atraer diferentes perfís de visitantes e xerar actividade máis alá dos períodos de maior afluencia” dixo o director de Turismo de Galicia.