
Balance positivo na ocupación durante o mes de setembro na Ribeira Sacra. Os datos recollidos entre os establecementos turísticos do territorio reflicten un bo comportamento da ocupación durante o mes de setembro, cunha media do 65,21 %, segundo explican dende o Consorcio Turismo Ribeira Sacra
Por categorías, as cifras de ocupación que vén de facer públicas esta entidade, son as seguintes:
Ocupación en setembro
- Hoteis 4 e 3*: 86,68 %
- Turismo Rural: 60,20 %
- Vivendas Turísticas e de Uso Turístico: 43,33 %
- Outros alox. (albergues, pensións, cámpings, apartamentos e hoteis de 2 e 1*): 70,63 %
“Setembro mellora así os datos rexistrados no mesmo mes de 2025, cando a ocupación media se situara no 57,03%, o que supón un incremento de 8,18 puntos porcentuais. A ocupación alcanzou o 58,58 % durante os días laborais e elevouse ata o 70,45 % nas fins de semana. En total, contabilizáronse 7.074 prazas ocupadas sobre 10.848 prazas totais”, explican dende o Consorcio Turismo Ribeira Sacra.
De cara ao mes de outubro, a previsión media de ocupación sitúase actualmente no 43,33%. “Estas cifras corresponden ás reservas confirmadas no momento da recollida dos datos e poderán evolucionar ao longo das próximas semanas a medida que se formalicen novas reservas”, indican dende o Consorcio.
Previsións para a ponte do Pilar
As perspectivas melloran de maneira notable de cara á ponte do Pilar, entre o 9 e o 12 de outubro, para a que se prevé unha ocupación media do 80,14%, adianta o consorcio.
Por tipoloxías, as previsións son as seguintes:
- Hoteis 4 e 3*: 93,01 %
- Turismo Rural: 86,77 %
- Vivendas Turísticas e de Uso Turístico: 58,33 %
- Outros alox. (albergues, pensións, cámpings, apartamentos e hoteis de 2 e 1*): 82,44 %
“A previsión para esta ponte supera en máis de 12 puntos porcentuais o dato rexistrado en 2025, cando a ocupación se situara no 68,03 %. Con todo, o ano pasado o día 12 de outubro caeu en domingo e só algunhas comunidades autónomas trasladaron o festivo ao luns 13”. Por iso, desde o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra valórase “positivamente a evolución rexistrada durante setembro e, especialmente, as perspectivas de ocupación para a ponte do Pilar”.