OurenseÚltima hora

A AC Entroido As Bonitas de Sande organiza a súa VI Andaina de Magosto o 17 de outubro

Os camiñantes poden elexir entre tres rutas circulares con avituallamento. Ao remate, magosto con churrasco e castañas nas adegas de Mogos se o tempo o permite

 

A Asociación Cultural Entroido As Bonitas de Sande celebrará o vindeiro sábado, día 17 de outubro a VI Andaina de Magosto, converténdose así xa nunha cita obrigada para os amantes do sendeirismo, paisaxes naturais, tradición e, por suposto boa gastronomía. Ademais, de seguro que para moitos suporá unha ocasión de probar as primeiras castañas da tempada.

Nesta sexta edición, novamente, os camiñantes poden escoller entre tres percorridos circulares e rematar cun xantar con churrasco, bica e castañas nas adegas de Mogos, lugar de saída do Oso durante o Entroido (sempre e cando o tempo o permita). A saída será dende o local social de A Xesteira ás 10:30 horas.

Entre esas opcións está a Ruta do Río Gato, o roteiro máis coñecido. Trátase dun percorrido de ao redor de 5 km. de dificultade alta, recuperado alá polo ano 2007/08 por iniciativa da Comunidade de Montes de Sande, a través da consellería de Medio Rural e a colaboración dos veciños. Este sendeiro pasa por antigos muíños, pequenas fervenzas e fermosos miradores naturais que forma o canón do río Gato, que a continuación une as súas augas ao río Arnoia. Queremos recalcar que a pesar do seu curto traxecto, é un trazado complicado, non apto para todos.

 

 

A este sendeiro dende a Asociación traballamos para engadir outra ruta máis que se pode facer soa ou enlazando coa anterior: a do Castelo, de ao redor de 9 km. e de dificultade baixa. “Castelo” para todos os veciños da contorna, torre á vista dos fóraneos. Nesta ruta pasamos por devandito monumento, declarado Ben de Interese Cultural, BIC, e que se atopa en grave estado de deterioro, estando na “Lista vermella de patrimonio”, as pedras de Rosende, veredas marcadas por muros de pedra, as augas azuis da canteira (privada, pero que se pode ver desde fora do seu perimetro) ou os pequenos núcleos rurais de A Teixugueira e Madarnás son outros lugares de paso antes de unirse á ruta do Río Gato, ou acortar por unha pista de regreso á aldea.

Para os participantes haberá dous avituallamentos antes de gozar do xantar e da foliada que terá lugar nun entorno único, as adegas de Mogos, espazo onde antigamente se elaboraba o viño recollido dos bancais que descendían cara o río Gato.

A data límite de inscrición será o mércores, día 14 de outubro, e poderá facerse a só a ruta (5€) ou a ruta co xantar (20€).

Fotos cedidas.

 

 

Back to top button