
Fusión de viño, paisaxe e música nun ambiente único, á beira de bancais da Denominación de Orixe Valdeorras. Na súa penúltima e oitava estación, o itinerario V Nove escollía a Adega Roandi, en Éntoma (O Barco), como escenario dun concerto de De Vacas, na tardiña do 10 de outubro.
A actuación, que ía precedida dunha visita ás instalacións da adega, esgotaba as súas entradas e reunía a unhas 150 persoas, que desfrutaban coa música de Inés Salvado, Faia Díaz, Paula Romero e Guillerme Fernández.

Presentaban “Rebovina Divas Live”, unha homenaxe ás grandes divas do pop —Whitney Houston, Céline Dion, Mónica Naranjo, Beyoncé— que combina harmonías de voces e guitarra, bases electrónicas, vestiario a medida e unhas letras que seguen a liña do compromiso co feminismo, o ecoloxismo e a poesía, sempre con moita teatralidade e moita festa.

A última parada: a Ruta do Mel
Será o domingo 25 de outubro · 11:00 h · Serra da Enciña da Lastra, Rubiá, con prazas moi limitadas.
O itinerario péchase en Rubiá cunha experiencia de interpretación da paisaxe e do patrimonio apícola no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, da man de O Marquesado, apicultores desde 1896. As prazas son moi limitadas: reservas en Ton y Son e en contacto@vnove.es.
O V NOVE está patrocinado por Turismo de Galicia, coa colaboración da Deputación de Ourense, e está producido pola empresa valdeorresa Ton y Son.
Fotos: Ton y Son.
