A Asociación Ruta do Viño Valdeorras fai un balance moi favorable das actividades enoturísticas celebradas durante a fin de semana do 10 e 11 de outubro, que completaron o aforo previsto e reuniron tanto a público local como a visitantes procedentes de distintos puntos de Galicia e doutras comunidades autónomas.
Entre os asistentes había xente chegada da Coruña e Vigo, así como de León, Asturias e Madrid. “Esta diversidade de procedencias pon de manifesto o interese que esperta Valdeorras como destino turístico e enoturístico”, segundo a organización.
As propostas, desenvolvidas co apoio da Axencia de Turismo de Galicia, ofreceron dúas formas diferentes de achegarse á comarca a través de experiencias que combinaron visitas guiadas, patrimonio histórico, natureza, gastronomía e degustacións de viños.
A primeira das actividades, comercializada a través da axencia de viaxes Spaintrips e guiada pola empresa Valdeorras es Vino, propuxo o sábado 10 de outubro un percorrido por algúns dos enclaves más representativos do patrimonio histórico e cultural da comarca.

A xornada comenzou con visitas guiadas ao Santuario das Ermidas e ao castelo medieval do Bolo, dous espazos emblemáticos do patrimonio valdeorrés. Tras a comida no restaurante A Capilla, o programa continuaba cunha visita á lápida de Lucio Pompeyo e á Rúa Vella, que substituíron á visita inicialmente prevista aos lagares rupestres de Larouco.
A experiencia concluía na Rúa cunha visita e cata na adega Joaquín Rebolledo, onde os asistentes puideron coñecer de preto o traballo vitivinícola da comarca e desfrutar dos seus viños. A programación continuaba o domingo 11 de outubro cunha proposta centrada na paisaxe do río Sil e o patrimonio dos municipios da Rúa e Petín.
Os participantes realizaron unha visita guiada á Ponte da Cigarrosa, situada entre ambas as localidades, e posteriormente percorreron a beira do encoro ata chegar ao casco antigo de Petín. O paseo permitía descubrir os valores paisaxísticos e naturais da contorna, así como algúns aspectos da súa historia.
A xornada finalizaba cunha visita e cata en Adega Sampayolo, en Petín, completando unha fin de semana dedicada ao descubrimento do patrimonio, a cultura e os viños de Valdeorras.

Godeval vincula os seus 40 anos de historia co patrimonio de Valdeorras
A outra gran proposta da fin de semana foi a experiencia enoturística «Viñedos e Viños Dourados», impulsada por Godeval con motivo dos seus 40 anos de historia. A actividade convidó a descubrir o patrimonio natural e cultural que hai detrás da marca mediante un percorrido guiado pola paisaxe otoñao de Valdeorras. As tonalidades douradas dos viñedos e da vegetación serviron como fío condutor dunha experiencia que conectó natureza, historia, patrimonio e viño.
Da man de Araceli Fernández del Palacio, os asistentes participaron nunha visita guiada con cata por etapas, copa en man, a través de catro espazos vinculados á historia e ao proxecto vitivinícola de Godeval.
A experiencia permitía poñer en valor a traxectoria de catro décadas de Godeval e mostrar a estreita relación entre os seus viños, a paisaxe e o patrimonio histórico e cultural do territorio.

O enoturismo como ferramenta de promoción do territorio
A completa ocupación das prazas previstas nas actividades da fin de semana reforza o atractivo das propostas que combinan viño, patrimonio, natureza e gastronomía como fórmula para descubrir Valdeorras.
A participación de público local xunto a visitantes procedentes de distintos puntos de Galicia e doutras comunidades autónomas constitúe un resultado positivo para a promoción turística da comarca. Este tipo de iniciativas contribúe a dar visibilidade ás súas adegas, municipios, recursos patrimoniais e establecementos gastronómicos, favorecendo un modelo turístico vinculado á identidade e autenticidade do territorio.
Fotos cedidas.