
Cando están a piques de cumprirse cinco anos de percorrido da iniciativa Conecta Ourense, o encontro con empresas celebrado hoxe no que participou María Jesús Lorenzana, conselleira de Economía e Industria, serviu para facer balance dos impactos positivos que este proxecto acadou no tecido empresarial ourensán.
Neste sentido, David Martínez, presidente da CEO, salientou na apertura do encontro que Conecta Ourense ‘é unha iniciativa afianzada no tecido empresarial ourensán que axudou a moitas empresas a lograr obxectivos en moitas áreas de xestión, desde medio ambiente e sustentabilidade, innovación ou internacionalización, entre outros’. Esta afirmación está apoiada polas principais cifras que Martínez debullou como as 1.316 empresas atendidas desde o inicio e a cobertura do proxecto en 12 comarcas da provincia. Igualmente destacou as 1.834 accións de asesoramento e un total de 427 axudas que Conecta Ourense xestionou directamente coas empresas beneficiarias.
Algunhas destas empresas que Conecta Ourense acompañou nos seus camiños de innovación, na apertura de mercados, na dixitalización ou cara a parámetros máis sustentables, participaron hoxe neste encontro para contar de primeira man os seus fitos máis destacables. A sesión celebrada hoxe permitiu coñecer de cerca o exemplo de seis empresas da provincia que a, través deste asesoramento e acompañamento continuo atoparon os recursos adecuados para transformar oportunidades en proxectos reais de innovación, internacionalización, sustentabilidade, investimento e crecemento.
Gómez y Crespo, Regalsa, Dame après Paris, Viña Costeira, Eleko Tecnología e Innovación e Granitos del Val foron os exemplos mostrados do traballo de Conecta Ourense axudando a estas empresas a acadar os recursos axeitados para transformar oportunidades en proxectos reais de innovación, internacionalización, sostibilidade, investimento e crecemento.

Abrirse ao mundo desde Ourense
No primeiro bloque do encontro participaron as empresas que destacaron no eixe da internacionalización, e aportaron de primeira man a súa experiencia traballando co apoio de Conecta Ourense e os retos que teñen por diante.
Abel Pascual director xeral de Gómez y Crespo; Paula Conde, directora de operacións global de Regalsa e Alexandre Dacal director creativo de Dame après Paris destacaron a cercanía de Conecta Ourense no acompañamento para identificar oportunidades en internacionalización, o asesoramento e a conexión con recursos para abrir mercados, e a axuda para coñecer e participar en instrumentos do Igape e misións empresariais. Contaron ademais os seus procesos para saír a novos mercados no caso de Gómez y Crespo, abrir unha filial en Marrocos no caso de Regalsa ou dar cos apoios precisos como Galicia Avanza para internacionalizarse e acadar colaboracións e crecemento, en palabras do representante de Dame Après Paris.
Na súa aportación, a conselleira de Economía e Industria felicitou ás empresas por acadar estes logros e resaltou como moi positivo que o peso exportador de Galicia está moi por encima do que lle correspondería por poboación, nun mercado moi esixente onde só se compra o que funciona. Por iso, defendeu que as empresas abran sedes no exterior sen medo, xa que iso fortalece á empresa en Galicia, sempre que se manteñan o centro de traballo e o emprego na comunidade. Neste sentido, sinalou que desde a Xunta continuarán con ferramentas como a aceleradora Galicia Avanza e a Oficina Económica de Galicia, e que as antenas exteriores reforzaranse tamén como mecanismo de atracción de investimentos. Lorenzana salientou que a administración continuará traballando na diversificación de mercados e a dixitalización da internacionalización e apuntou que estas políticas se deseñan desde a Xunta escoitando ás empresas.

Innovación e sostibilidade
A sostibilidade e a innovación son hoxe en día factores de competitividade para as empresas, tanto para mellorar os procesos como para desenvolver novos produtos e responder as esixencias do mercado. Neste eido traballaron con Conecta Ourense as empresas deste segundo bloque do encontro, que comentaron as solucións innovadoras que teñen incorporadas para avanzar a modelos máis sostibles.
Olalla García do Departamento de Calidade e Seguridade Alimentaria de Viña Costeira; Begoña Llamosas, responsable do cumprimento normativo RSE e DPO e Odilo Rodríguez, xerente de Granitos del Val foron os encargados de contar as súas experiencias neste apartado, resaltando o seu paso polo programa de cálculo da pegada de carbono que realizaron da man de Conecta Ourense. Todos eles coincidiron en destacar a utilidade de formación como este programa, tanto pola facilidade para levar a cabo as medicións como polo acompañamento para detectar erros e poñer en marcha medidas sostibles.
Neste apartado, a conselleira subliñou a idea que a sostibilidade é un investimento e non un gasto para as pemes xa que aporta rendemento económico nos procesos produtivos, nas vendas ao exterior, no propio aforro que supón na pegada de carbono e mesmo na captación de talento novo. Lorenzana incidiu en que sostibilidade e innovación van unidas e finalizou sinalando que as pemes deben incorporar a dixitalización e a intelixencia artificial para non perder competitividade.