SanidadeÚltima hora

Detéctase un caso de lingua azul do serotipo 8 nunha explotación bovina da provincia de Ourense

Trátase, segund Medio Rural, do primeiro caso confirmado desta enfermidade na provincia de Ourense en 2026, desde a finalización en abril do período invernal de cese de circulación do vector transmisor

 

A Consellería do Medio Rural vén de comunicar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), a través da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria, a detección dun animal bovino infectado polo serotipo 8 da lingua azul, confirmado polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid), nunha explotación bovina do Concello de San Amaro na provincia de Ourense.

“Ao tratarse do primeiro caso detectado nesa provincia do serotipo 8 nesta temporada de circulación viral, é necesaria a notificación oficial ao MAPA. Este foco é o sexto notificado en 2026 na nosa comunidade desde a finalización en abril do período invernal de cese circulación do vector transmisor, os insectos do xénero Culicoides”, segundo a consellería.

A detección deste caso realizouse por vixilancia pasiva polo persoal da explotación gandeira, que comunicou a sospeita da enfermidade, no marco do programa de vixilancia da presenza da lingua azul que desenvolve anualmente a Xunta de Galicia. Medio Rural explica que os serotipos presentes desta doenza na nosa comunidade durante o ano 2025 foron tamén o 3 e o 8, que afectaron ás catro provincias galegas. O 4 non foi detectado en Galicia en 2025, froito das campañas de vacinación obrigatorias levadas a cabo nos anos precedentes.

Vacinación voluntaria, pero recomendable

É preciso sinalar que desde o ano 2025 en España xa non existe un programa de erradicación da lingua azul con vacinación obrigatoria fronte esta doenza. Pese a iso, a Xunta de Galicia continúa a recomendar a vacinación voluntaria de bovinos e ovinos como medida de protección e de contención do avance da enfermidade.

Medio Rural indica que as vacinas fronte a estes serotipos, e máis o resto dos circulantes en España, poden adquirirse nas canles comerciais habituais de subministración de medicamentos veterinarios coa prescrición correspondente. Ademais, a Consellería do Medio Rural continúa a distribución gratuíta de doses vacinais fronte ao serotipo 4 para o gando bovino e ovino, e fronte os serotipos 3 e 8 para o gando ovino, especie que adoita presentar unha sintomatoloxía clínica máis acusada.

Así mesmo, recoméndase dende a consellería “evitar nas instalacións gandeiras as zonas de cría dos insectos vectores, zonas húmidas con materia orgánica, terra ou estercos. Así mesmo, aconséllase a realización periódica de desinsectación de animais, instalacións e vehículos de transporte de gando. Lémbrase, ademais, a obriga das persoas gandeiras de comunicar aos Servizos Veterinarios Oficiais de Medio Rural calquera sospeita da enfermidade que detecten nos seus animais”.

Con todo, prosegue a consellería, cómpre lembrar que a lingua azul non afecta ás persoas, senón só aos animais ruminantes, que ademais non se contaxian entre eles, só a través da picadura do insecto vector transmisor. Tampouco existe ningunha posibilidade de contaxio nin risco para as persoas polo consumo de produtos (carne ou leite) procedentes de animais afectados.

Back to top button