
Ás persoas que loitaron contra a terrible vaga de incendios que asolaba á provincia de Ourense en agosto de 2025 e, de xeito especial á veciñanza das comarcas de Valdeorras, Terras de Trives e Viana do Bolo afectada por esa emerxencia sen precedentes, dedicáballe o Periódico O SIL o premio “Somos Esenciais 2026” que ganaba precisamente pola cobertura informativa deses lumes o 14 de outubro no Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.
En concreto recoñecíase o traballo “Megaincendios na provincia de Ourense. A traxedia das chamas” publicado na edición en papel de setembro de 2025, con textos de María Ángeles Rodríguez Yáñez e fotografías de Carlos G. Hervella. O xurado quixo poñer en valor, tal e como lembraba a decana do Colexio de Xornalistas de Galicia, Belén Regueira Leal, no acto de entrega o amplo traballo feito, baixo distintas perspectivas, do tratamento dos lumes en Ourense, destacando o rigor e a aplicación de boas prácticas de redacción xornalística e o valor que ten que fora elaborado por un medio local.

“É un espléndido traballo que se desenvolveu nunhas circunstancias moi difíciles, e é precisamente aí cando se demostra o esencial que é o xornalismo, que o é sempre, pero evidentemente nunha situación de emerxencia ter información sobre o terreo é moi importante”. Regueiro incidía en que este traballo amosa “como é indispensable ter xornalistas en todo o territorio que lle dan cohesión a un país e que explican que está pasando dunha maneira rigorosa, profesional, plural e tan ampla como se fai neste número de O SIL, no que se atende á emerxencia, se fala con moitas das persoas afectadas e vaise máis alá tamén da emerxencia para ver cales son as causas profundas da mesma, cales son as súas consecuencias, cales son as maneiras de atender a esas causas. Fálase con veciñanza, con viticultores, con gandeiros, con pastores, con apicultores, con persoas que traballaron na emerxencia, escóitase a voz e a resposta das institucións e escóitanse as análises de persoas expertas que explican, que nos dan razóns profundas, que aluden ao despoboamento, ao abandono, ao cambio climático… En fin, que nos van sinalando o camiño para ir máis alá do que ocorreu e para que estes temas non estean só nos medios e na preocupación da sociedade puntualmente, cando ocorren, senón tamén no resto do ano”.
Tamén aludía Belén Regueira á complexidade do labor do xurado deste Premio Somos Esenciais pola calidade dos traballos presentados, moitos deles sobre a mesma temática dos incendios. Un xurado que tivo claro que desta volta había que “atender a como o xornalismo galego respondeu a esa necesidade de información rigorosa e complexa á altura dunha circunstancia tan difícil”. E, nese senso, tivo tamén claro que “o mellor exemplo para premialo era o dun xornal como O SIL, un xornal local que é capaz de facer con medios escasos, son escasos en todo o xornalismo pero nos medios locais aínda máis, un traballo de tal calidade profesional e que responde tamén ás necesidades da súa audiencia, ás necesidades dunha comunidade e dun territorio”.

Ao mesmo tempo, este Premio “Somos Esenciais”, continuaba a decana, quere recoñecer e visibilizar a “necesidade de que teñamos medios e xornalistas sobre o terreo, que poidan pisar a terra que se está queimando, que poidan falar coas persoas afectadas directamente e que, a partir de aí e dende ese coñecemento do territorio, poidan darnos luz sobre as causas e sobre as posibles solucións de problemas que non só dunha comarca, nin do medio rural, senón que són dunha sociedade. Así que con todos eses valores os medios locais que seguen evitando que teñamos desertos informativos, que van nacendo cada vez en máis lugares, o dun traballo exemplar nun momento tan difícil como a vaga de incendios e o deste testemuño que queda tamén para a profesión xornalística e para a sociedade deste número especial do xornal O SIL”. Cualificaba, ademais, o traballo do Periódico O SIL de heroico “nesas semanas tan difíciles”.
Nesta entrega tamén interviñan José Luis Fernández Astray, director de Comunicación de Gadisa Retail, e María Eimil Méndez, representante de Comunicación de Gadisa. Fernández Astray. Fernández Astray expresaba a súa noraboa aos premiados “polo magnífico traballo que fixeron dende un medio local, un traballo rigoroso e con moi boas prácticas de redacción xornalística e no que se plasman diferentes enfoques dese gran problema que temos e que se repite cada certo tempo. Lamentablemente eu tiven a oportunidade o ano pasado de vivir en primeira persoas esta problemática, pilloume xustamente na zona de Valdeorras e a verdade é que unha cousa é lelo ou velo nunha televisión e outra cousa é estar alí no medio do lume”.
Pola súa banda, María Eimil daba ás grazas por esta oportunidade de “coñecer máis de preto o voso traballo porque é verdade que no día a día cíngueste a ler as catro ou cinco noticias máis importantes da xornada e, ao final, non temos a oportunidade de profundizar un pouco máis no máis local que a min persoalmente paréceme a parte bonita e máis difícil do traballo”.

Un galardón dedicado á veciñanza que afrontou á vaga de incendios
Finalmente, tomaban a palabra os galardoados. Primeiro a xornalista María Ángeles Rodríguez, quen recoñecía a iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia por convocar este premio “que me parece fundamental para poñer o foco na perspectiva social desta profesión, tan necesaria nos tempos actuais e, á vez, tan pouco valorada e cuxo labor mesmo se descoñece”.

Tamén agradecía á Gadisa a aposta por apoiar este galardón e ao xurado “a valoración que fan do noso proxecto xornalístico. Este premio é moi especial para nós precisamente pola temática deste traballo, adicado á dura emerxencia, sen precedentes, que vivimos nos incendios do verán do 2025, e de cuxas consecuencias económicas, paisaxísticas, sociais, patrimoniais, culturais, pero tamén psicolóxicas e emocionais aínda estamos intentando recuperarnos”.
María Ángeles Rodríguez dedicáballe o galardón ás persoas que neses días loitaron contra o lume na provincia de Ourense e, de xeito especial á veciñanza das comarcas de Valdeorras, Terras de Trives e Viana do Bolo, cuxo esforzo foi clave para que as consecuencias das chamas fosen aínda moito peores. E compartía o premio con todas as persoas, empresas e entidades que apoian e confían día a día no proxecto do Periódico O SIL que agora cumpre 30 anos.
Finalmente tomaba a palabra Carlos G. Hervella, director e fotógrafo do Periódico O SIL, quen resaltaba que este galardón “non sería posible se o equipo do Periódico O SIL non fora moi profesional, fai un traballo impecable, e máis nunha situación deste tipo, onde non podes descansar. Vimos aquí a darvos as grazas por recoñecer todo isto”. E agradecía o labor tanto do Colexio de Xornalistas de Galicia como de Gadisa por promover este premio, “e por materializar ideas como esta” que fan “que á profesión nos doa menos a vida”.

García Hervella explicaba como se xestaron detalles do proxecto como a súa portada, completamente negra, “algo nada habitual no xornalismo a nivel estatal. Despois de darlle moitas voltas, decidimos que o negro era o máis adecuado para esa ocasión e a xente entendeuno”.
Fotos e vídeos cedidos.