EconomíaEconomíaÚltima hora

O GDR Ribeira Sacra-Courel aproba 34 proxectos que mobilizarán máis de 2,5M€ de investimento no territorio

A súa xunta directiva, reunida en Bóveda, aproba a concesión de 1,32 millóns de euros en axudas LEADER correspondentes á convocatoria 2026. Os proxectos permitirán crear o equivalente a 9,5 empregos a tempo completo e manter outros 32,07

Cedida.

 

O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Ribeira Sacra-Courel celebraba neste 15 de outubro en Bóveda unha reunión da súa xunta directiva na que se aprobaba a concesión de axudas correspondentes á convocatoria LEADER 2026. En total, recibirán apoio 34 proxectos que suporán un investimento de 2.549.809,79 euros no territorio, dos cales 1.321.508,38 euros corresponden a axudas LEADER. “Estas cifras reflicten o dinamismo do territorio e a capacidade das axudas LEADER para impulsar novas iniciativas empresariais, mellorar a competitividade das actividades existentes e apoiar actuacións de interese colectivo que contribúen a mellorar a calidade de vida no medio rural”, tal e como indican dende o GDR.

Unha parte destacada da convocatoria corresponde aos 12 proxectos produtivos, que mobilizarán un investimento de 1.969.451,50 euros e recibirán axudas por valor de 842.339,35 euros. Estas iniciativas permitirán a creación de 9,50 unidades de traballo anual (UTA) e o mantemento doutras 32,07 (UTA), contribuíndo a xerar oportunidades laborais e consolidar a actividade económica no territorio.
Os proxectos aprobados reflicten unha importante diversidade de sectores.

Entre eles figuran iniciativas vinculadas ao turismo e ao aloxamento rural, á gastronomía e á valorización de produtos agroalimentarios, á modernización de industrias cárnicas e adegas, á construción, á fabricación de remolques e aos servizos agroforestais.

Tamén recibirán apoio propostas relacionadas coa creación de espazos de coworking, a investigación e elaboración de produtos botánicos, así como novos espazos destinados ao benestar, á realización de obradoiros e ás experiencias vinculadas á natureza.

Esta variedade de actividades pon de manifesto o potencial do medio rural para acoller iniciativas empresariais innovadoras, diversificar a súa economía e favorecer o asentamento de poboación.

Investimentos en servizos, patrimonio e espazos públicos

A xunta directiva aprobou tamén axudas para 14 proxectos non produtivos promovidos por entidades públicas, que representan un investimento de 504.782,58 euros, cunha axuda LEADER de 420.671,58 euros.
As actuacións céntranse na mellora de espazos públicos, na recuperación e posta en valor do patrimonio, na creación e acondicionamento de áreas recreativas, na mellora de equipamentos sociais e na incorporación de solucións de eficiencia enerxética mediante enerxías renovables.

Trátase de iniciativas que contribúen a mellorar os servizos e as infraestruturas dos municipios, favorecer o uso e desfrute dos espazos naturais e reforzar o atractivo do territorio tanto para os seus habitantes como para as persoas que o visitan.

Apoio ao tecido asociativo e á valorización do territorio

A convocatoria inclúe, ademais, 8 proxectos non produtivos promovidos por entidades privadas, fundamentalmente asociacións e comunidades de montes, que mobilizarán 75.575,71 euros de investimento e recibirán 58.497,45 euros en axudas.

Estas actuacións están relacionadas coa recuperación ambiental e a posta en valor do patrimonio natural e etnográfico, a creación de espazos de lecer, a promoción turística e a difusión de recursos vinculados á identidade do territorio, como a Ribeira Sacra e o Camiño de Inverno.

O apoio a estas iniciativas permite reforzar a participación do tecido asociativo no desenvolvemento rural e contribuír á conservación e promoción dos recursos locais.

LEADER, unha ferramenta para impulsar o futuro do medio rural

Coa aprobación desta convocatoria, o GDR Ribeira Sacra-Courel continúa impulsando un modelo de desenvolvemento baseado no aproveitamento dos recursos propios, na diversificación económica, no apoio ao emprendemento e na mellora da calidade de vida da poboación.

Os máis de 2,5 millóns de euros de investimento previstos permitirán avanzar na dinamización económica e social do territorio, combinando o apoio directo ás empresas con actuacións públicas e asociativas que contribúen a facer do medio rural un lugar con máis oportunidades para vivir, traballar e emprender.

Back to top button