CulturaCulturaÚltima hora

María A. Rodríguez e Carlos G. Hervella de O SIL recollen o premio “Somos Esenciais” por un traballo sobre os incendios de 2025

O acto tiña lugar o 14 de outubro no Colexio de Xornalistas de Galicia, en Santiago, e nel tamén era recoñecido cunha mención de honra o colectivo "Habitar o baleiro"

 

A sede do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia en Santiago de Compostela acollía o 14 de outubro o acto de entrega do Premio de Xornalismo ‘Somos Esenciais’, organizado por esta entidade coa colaboración de Gadis. Un acto que servía para reivindicar o xornalismo feito desde o territorio rural.

María Ángeles Rodríguez e Carlos G. Hervella foron os gañadores desta edición polo traballo «Megaincendios na provincia de Ourense. A traxedia das chamas», publicado en setembro de 2025 na edición en papel do Periódico O Sil, mentres que o colectivo formado por Alba Moledo, Brais Lorenzo, Cláudia Morán, Sol Mendiguchía e Sergio Pascual recibiu unha mención como finalistas pola serie de nove reportaxes «Habitar o baleiro: luces e sombras do rural galego», publicada en Sermos Galiza, o suplemento de Nós Diario, entre o 25 de xaneiro e o 6 de decembro de 2025.

 

 

A decana do Colexio de Xornalistas, Belén Regueira Leal, abría o acto agradecendo o apoio de Gadis neste premio e felicitando os recoñecidos cun galardón que pretende “visibilizar o xornalismo ao servizo da xente”. Regueira expresou o “difícil pero gozoso traballo” de escoller cada ano entre as distintas candidaturas e salientou que os traballos recoñecidos explicitan “que o xornalismo é sempre un traballo colectivo” e van alén dunha “visión estereotipada do rural”, ademais de evidenciar que “nas circunstancias difíciles é onde se demostra o esencial que é o xornalismo”.

 

 

O director de Comunicación de Gadisa Retail, José Luis Fernández Astray, manifestou que o Premio Somos Esenciais é unha “iniciativa realmente importante” para Gadis e mostrou o seu convencimento de que “imos seguir colaborando con ela moitos anos máis”, mentres que María Eimil Méndez, coordinadora de Comunicación de Gadisa, agradeceu aos premiados “a oportunidade de profundar no xornalismo local, que como xornalista me parece a parte máis bonita e importante do noso traballo”.

 

 

O VI Premio de Xornalismo Somos Esenciais recaeu nos xornalistas de O Sil por unha cobertura dos incendios cualificada de “heroica” pola decana do Colexio, que vai alén da emerxencia para analizar as causas e as consecuencias. María Ángeles Rodríguez expresou a súa gratitude por recibir un premio que “para nós é especial pola temática, porque foron uns días moi complicados para todos” e quixo compartilo “coas persoas que sufriron os incendios e cos colaboradores que permiten que un proxecto como O Sil siga vivo trinta anos despois”.

 

 

O seu compañeiro Carlos G. Hervella destacou a “profesionalidade” do equipo que fixo posíbel unha cobertura tan completa e insistiu tamén no emotivo das circunstancias nas que se realizou: “Vin chorar a moitas persoas”.

Pola súa banda, Alba Moledo, en representación do colectivo finalista que integra xunto a Brais Lorenzo, Cláudia Morán, Sol Mendiguchía e Sergio Pascual, agradeceu un recoñecemento que permite “poñer no mapa un traballo que moitas veces custa tanto facer” e salientou que “para facer xornalismo local e falar do territorio hai que estar alí, e esa é a vontade coa que naceu Habitar o baleiro”. O xurado do sexto premio Somos Esenciais estivo composto por María Eimil Méndez, Francisco X. González Sarria, Lara Graña Prieto, Darío Janeiro Pereira, Belén Regueira Leal, Ana Isabel Rodriguez Vazquez e Cristina de la Vega Jiménez.

 

 

O Periódico O SIL dedica o Premio “Somos Esenciais” aos afectados polos lumes do 2025 e aposta por un xornalismo dende o local para o mundo

 

Premio Somos Esenciais

O Premio de Xornalismo Somos Esenciais, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, corporación de dereito público que representa aos xornalistas galegos, coa colaboración con Gadis, recoñece o labor dos e das profesionais da comunicación e a información social como vehículo condutor entre o que pasa na sociedade e a cidadanía, dando voz aos problemas dos axentes sociais e aos efectos que causan.

 

 

O primeiro Premio ‘Somos Esenciais’ gañouno Isabel Bravo co traballo «Cando as preguntas aínda non tiñan resposta», emitido na Radio Coruña – Cadena SER; con Ángel Paniagua, de La Voz de Galicia, como finalista con «La uci del covid, desde dentro: “No somos héroes”». Na segunda edición, o gañador foi Manuel Rey Pan, polo podcast de GCiencia «O ano da pandemia». Elena Martín Lores, Pablo Santiago Martínez, Sofía Caamaño Deus e Ruben Alexandre Lopes Martins recibiron tamén unha mención como finalistas pola reportaxe «Pechar a fronteira foi como pechar a fiestra da casa», publicada no dixital Xarda e no Público portugués. Gemma Malvido e Vanessa Casteleiro foron premiadas en 2022 pola serie de La Opinión A Coruña «Una tarde en Teixeiro: “¿Se porta bien?”», «Con ganas de salir adelante» e «Una mañana en Teixeiro: Deporte, trabajo, estudio y manualidades para volver a la calle»; e María de La Huerta foi finalista con «Suicidio de mayores, un drama silenciado», do mesmo xornal. En 2023, Alba Chao, do Faro de Vigo, foi recoñecida por «Pornografía en la red, la mayor escuela de desigualdad y misoginia», mentres que Carolina Sertal resultou finalista con «Bebés roubados, entre o silencio e a impunidade», publicado en Luzes. E o ano pasado Lara Graña foi a galardoada por «”García del Cid”, el buque de luto y cólera», publicado no Faro de Vigo, mentres que Ángel Paniagua recibiu unha nova mención como finalista por «La vida tras el suicidio de una hija: “Esto le puede pasar a cualquiera”», publicado en La Voz de Galicia.

Fotos e vídeo cedidos.

 

Back to top button