PolíticaÚltima hora

Rafael R. Villarino pide acceso ás actas de propostas de candidaturas a Cortes Xerais do PSdeG-PSOE da provincia de Ourense

Rafael R. Villarino./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

Rafael Rodríguez Villarino militante do PSOE, membro do Comité Provincial de Ourense e candidato ao Senado pola devandita provincia vén de presentar un escrito dirixido aos secretarios provincial e de organización desta formación política, así como á súa Comisión Executiva Provincial e á Comisión Provincial de Ética e Garantías para solicitar a “consulta e/ou copia das actas das asembleas das agrupacións locais da provincia de Ourense relativas á proposición de candidatos ao Congreso e ao Senado, así como un informe da Comisión Executiva Provincial do PsdeG-PSOE de Ourense sobre a orde das candidaturas ás Cortes Xerais”.

Nese escrito, Vilariño explica que ten participado como candidato no procedemento de votación celebrado polas agrupacións municipais da provincia de Ourense para formular propostas de candidaturas ao Congreso dos Deputados e ao Senado, pero que a data de hoxe “non se me comunicaron os resultados desagregados das votacións celebradas nas distintas agrupacións, nin se me facilitou documentación oficial que permita coñecer os votos obtidos por cada aspirante, tras ser solicitado na Executiva Provincial e no Comité Provincial”.

Ademais manifesta que “a ausencia de información sobre os resultados impide coñecer o respaldo obtido por cada aspirante nas distintas agrupacións e comprobar a correspondencia entre as votacións da militancia e a proposta provincial de candidaturas e que, segundo o Secretario Provincial e o Secretario de Organización, reflectía “o sentir maioritario da militancia da provincia”. Extremo que ningún militante, nin membros do Comité Provincial, nin eu mesmo puidemos contrastar”.

Neste senso, Rodríguez Vilariño solicita neste documento presentado, entre outras cuestións, que “se me facilite o resultado oficial e desagregado das votacións celebradas nas agrupacións da provincia de Ourense para a proposta de candidaturas ao Congreso e ao Senado, con indicación dos votos obtidos por cada aspirante e dos restantes datos de escrutinio que consten oficialmente”, así como que se lle facilite “vista das actas de escrutinio e copia dos resultados obtidos en cada unha das asembleas municipais, e demais documentación oficial que permita comprobar os resultados, así como copia do informe que elaborou a Comisión Executiva Provincial sobre a orde dos candidatos ás Cortes Xerais pola provincia de Ourense”.

Back to top button