
Último mes é clave para afrontar a invernada con garantías. “A velutina, a seca e a situación das nosas colmeas fai que teñamos que estar máis atentos”. A veterinaria e os técnicos da Agrupación Apícola de Galicia recomendan aproveitar este último mes, ata o San Martiño, para preparar ás colmeas co fin de que poidan sobrevivir ao inverno. Destas actuacións falarase o vindeiro 17 de outubro ás 18h. na charla “Velutina e invernada: preparar hoxe as colmeas para sobrevivir ao inverno”.
A sesión estará organizada pola Agrupación Apícola de Galicia, coa colaboración da Asociación de Apicultores de Valdeorras, e está dirixida a apicultores en xeral, sexan ou non socios desta entidade.
Entre os contidos que se abordarán na charla figuran os seguintes, tal e como adiantan dende a organización:
“1. Revisar a efectividade dos tratamentos de varroa
2. Mover as tiras se desprazaron a cría e raspar própole, para activar de novo o contacto.
3. Ver se as reservas das colmeas son suficientes para a invernada (mel e pole).
4. Comprobar se a poboación da colmea é a adecuada.
5. Alimentación de outono: Ver se precisamos incentivar con líquido e torta para poñer poboación sana para pasar a invernada, ainda que xa imos tarde, pero se ben bo tempo aínda o podemos conseguir.
6. Colmeas con máis varroa, nos colmeares sempre temos, darlle máis atención, para que non reinfesten as outras!”