
O equipo ourensán Auriense CA que milita no grupo sur da Preferente Futgal será o rival do RC Deportivo da Coruña na primeira eliminatoria da Copa do Rei.
Uns días antes, na mañá deste venres día 17, a praza Maior de Ourense acollía a presentación do autobús oficial do club para a tempada 2026/2027, un vehículo rotulado con imaxes emblemáticas dos atractivos turísticos da cidad, como As Burgas, as pontes, a Catedral, a Torre ou a propia praza Maior, baixo o lema “A suma de todos”. Con este vehículo, o club promocionará Ourense nos seus desprazamentos de competición ao longo dos vindeiros meses. No acto participaron o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome; o presidente, Manu Cerón, e membros do equipo técnico e futbolistas de diferentes categorías.
A cita serviu tamén para presentar o histórico partido da Copa do Rei de fútbol que se xogará, a partido único, o xoves 29 de octubro ás 21 horas, no campo do Couto. As entradas, de entre 20 € e 45 €, xa están á venda nas oficinas do club (praza da Estación, 4, baixo) e na plataforma en liña. O Auriense, chega a esta rolda copeira tras proclamarse campión da Supercopa de Galicia e superar na rolda previa ao CD San José de Soria.
Durante a presentación, o rexedor felicitou o conxunto ourensán pola súa “fazaña” deportiva: “O campo vai estar cheo e o partido vai ser espectacular”. Pérez Jácome puxo en valor a traxectoria do club e o seu traballo coa base, como é o caso do equipo xuvenil, que “está na antesala da División de Honra, e agardamos que faga unha boa tempada e que poida ascender”.
Pola súa banda, o presidente do Auriense CA, Manu Cerón, manifestou que “é un pracer presentar este autobús oficial. Levará o equipo nos desprazamentos, que agardamos que sexan cando menos tan exitosos como o foron ata agora”. Tamén animou o público ourensán “a vir ao estadio a ver un partido de primeira”. O club traballa en diferentes iniciativas para que o encontro “sexa unha gran festa do fútbol ourensán”, con fanzone, DJ e actividades para nenos e maiores en colaboración coa Real Federación Galega de Fútbol e o Deportivo.