En portadaÚltima horaVídeos

Os retos na prevención de riscos laborais na lousa e na mellora da saúde laboral, nunha xornada do Clúster da Pizarra de Galicia

O encontro, celebrado en Sobradelo, permitía analizar as melloras ergonómicas implantadas nas empresas, os retos da prevención e os desafívos actuais no diagnóstico da silicose

 

Seguir avanzando na prevención de riscos laborais na minería da lousa e na protección da saúde das persoas que traballan nesta industria. Con este obxectivo celebrábase neste 16 de outubro a II Xornada Técnica sobte Seguridade e Saúde no sector da lousa, que reunía a profesionais, expertos, sindicatos e representantes institucionais no Centro Tecnolóxico da Pizarra, en Sobradelo de Valdeorras.

 

 

Era o presidente do Clúster da Pizarra de Galicia, Eliseo López, quen abría o foro pasadas as 11:30h. adiantando os contidos desta edición e presentando aos cinco relatores participantes nela. “Ao longo da mañá imos escoitar a diferentes ponentes, catro charlas dende distintos ángulos, en primeiro lugar está a visión da empresa sobre melloras ergonómicas e solucións contra o po de sílice dentro do sector da lousa, aí exporán as melloras do sector actualmente”. Neste senso, López matizaba que “nun sector como o noso, a ergonomía e a loita contra o po de sílice son esenciais á hora de mellorar a prevención e combater todos os elementos que nos causan problemas no día a día. A lousa atópase en pleno proceso de automatización e así unha mellor interacción e adaptación dos elementos e equipos que temos pode conseguir unha mellora no benestar dos traballadores na súa seguridade e saúde”.

 

 

Outra das temáticas do programa achegaba “o punto de vista da hixiene industrial”, abordando “a crecente importancia da prevención de riscos na lousa, imprescindible para garantir o futuro do sector. A nosa preocupación como Clúster é situar aos traballadores sempre no centro dos nosos obxectivos e implantar medidas que prioricen a súa saúde”, indicaba o seu presidente.

A perspectiva da administración galega tamén formaba parte do programa, cun relatorio no que se ofrecían “datos, medidas, actuacións desenvolvidas pola Xunta de Galicia que contribuíron a mellorar as condicións de traballo no sector, así como os retos pendentes para seguir avanzando cara unha actividade cada vez máis segura e saudable”, adiantaba López.

 

 

Finalmente, a xornada tocaba a temática da á medicina do traballo poñendo o foco nos “retos dos diagnósticos médicos en relación coa sílice. A prevención de enfermidades profesionais contribúe sen dúbida a cada un dos grandes desafíos en materia de seguridade e saúde no sector da lousa. Avanzar no campo da prevención resulta fundamental para o Clúster e para todas as empresas que levamos moito tempo traballando, man a man tamén coa Xunta de Galicia, e diferentes entidades e expertos, algúns dos cales están aquí”.

 

 

Pablo Fernández Vila: “A mellor minería non é a que máis produce, senón a que produce creando valor”

A continuación tomaba a palabra o director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, quen comezaba lembrando que Valdeorras é “un territorio no que o sector da lousa permite transformar recursos naturais en riqueza, en emprego en innovación e en oportunidades de futuro” e destacaba o carácter fundamental deste pedra natural na economía galega. Ademais poñía en valor o feito de que “detrás de cada dereito mineiro ou detrás de cada establecemento de beneficio ou de cada peza de lousa que chega ao mercado existen traballadores que teñen dereito a desenvolver o seu labor coas máximas condicións de seguridade e saúde. E por iso nós consideramos que esta xornada é tan importante e así o temos tan interiorizado na Xunta”.

Deste xeito Fernández Vila apuntaba que non pode haber minería sostible “se non hai seguridade, non vai haber competitividade se non hai prevención e, por suposto, o futuro do sector pasa por poñer ás persoas no centro da estratexia, Esta de feito é unha idea que incorporamos xa no seu momento cando elaboramos a Axenda de Impulso da Minería Sostible de Galicia 20-30, un de cuxos eixos fundamentais foi precisamente o obxectivo de avanzar cara o risco cero. Sabemos que é unha meta ambiciosa, pero tamén temos claro que é a dirección correcta”. E así, proseguía, “cada accidente que evitamos, cada proceso que melloramos e cada investimento que se fai en materia de prevención e seguridade constitúe un paso máis neste camiño”.

 

 

O director xeral botaba ademais man dos datos de sinistralidade dentro do ISSGA e aseguraba que “pasamos de 175 accidentes no ano 2023 a 128 no 2024, é un número que se ten reducido significamente, pero como digo o obxectivo é un risco cero”. Por iso, engadía, “temos que seguir traballando coa máxima determinación”. E incidía en “a prevención debe ser un esforzo colectivo, ten que haber un compromiso empresarial, dos traballadores, formción continua, innovación tecnolóxica e, por suposto, tamén un apoio por parte da adminsitración e neste caso o apoio por parte da Xunta, da Deputación e das administracións locais están fóra de toda dúbida”.

Finalmente, Pablo Fernández Vila resaltaba que, precisamente por iso foros como esta xornada, “son tan importantes e é unha oportunidade para compartir experiencias e forxar alianzas entre os diversos axentes que participan no sector. Ao final a mellor minería non é a que máis produce, senón aquela que produce creando valor, xerando riqueza e, por suposto, protexendo ás persoas. Estou convencido de que o sector da lousa é hoxe un exemplo desta forma que nós temos de entender o futuro.

Daniel León: “A ergonomía permite mellorar as condicións de traballo e diminuír a carga física das tarefas”

A partir de aí dábase paso á primeira das ponencias do encontro, titulada “Melloras ergonómicas no sector da lousa”, a cargo de Daniel León González, enxeñeiro de Minas; e de José Luis Folla Castiñeiras, enxeñeiro químico. “A ergonomía non so é un concepto que debería tratar sobre como solucionamos problemas ou riscos ergonómicos unha vez que xa se produciu unha lesión, senón que isto ten que ter unha parte de prevención para investigar o proceso, ver cales son os riscos inherentes, as posibles lesións que se poden producir e planificar que medidas se poden implementar para intentar evitar que eses riscos deriven ao final nunha lesión ou nunha enfermidade profesional”, empezaba dicindo Daniel León.

 

 

Polo tanto a ergonomía, matizaba “o que intenta é mellorar o que son as condicións de traballo dos empregados e diminuír, que neste sector é o máis importante, a carga física das tarefas, porque realmente nós, non nos enganemos, os traballo, hoxe menos que hai anos, pero aínda así séguense manipulando cargas, pesos, etc. Entón todo isto vai encamiñado a mellorar as condicións dos traballadores, nese senso”.

 

 

Despois expoñía os principais riscos que presenta na actualidade o sector da lousa nesta materia, entre eles a manipulación de cargas, as posturas forzadas, as repeticións… “O resultado é a aparición co paso do tempo de transtornos musculoesqueléticos, entón, o obxectivo da nosa ponencia é explicar que estamos facendo para evitar que se chegue a aparición deses trastornos no futuro”, apuntaba Daniel León.

 

 

Continuaba a súa exposición explicando que o primeiro paso é realizar unha avaliación dos riscos existentes en cada posto de traballo para logo buscar solucións que eviten a aparición deste tipo de lesións. Un tipo de avaliación que explicaba José Luis Folla, antes de amosar un caso real de implantación dun exoesqueleto motorizado ao proceso de embalar. “Fixemos unha proba piloto cun traballador é o resultado é moi satisfactorio”, dicía Daniel León antes de dar paso a un vídeo no que se amosaba ese caso real. E concluían lembrando que se segue avanzando en proxectos co fin de reducir a exposición ao po de sílice no sector.

 

 

Javier Madera: “Temos que avanzar sobre criterios técnicos”

A segunda das ponencias, “Ao futuro, pola prevención”, viña da man de Javier Madera García, doutor enxeñeiro de Minas e experto en Hixiene Industrial, que iniciaba a súa intervención apuntando que “o compromiso do sector da lousa coa prevención está clarísimo”, referíndose en concreto “ao esforzo na loita contra o po”. Para Madero, “modernizar implica máis enerxía, e con ela producimos máis e xenérase máis po, e nesta situación a lexislación dos sistemas preventivos vai por detrás”.

Nesta cuestión apuntaba catro liñas clave: “temos que afianzar os logros conseguidos, avanzar sobre criterios técnicos, non cometer os erros do pasado” e unha maior “integración na prevención”. E aí destacaba o papel que pode ter a aplicación da guía “Modelo para el control integral de los riesgos asociados a la exposición a sílice cristalina respirable en las naves de elaboración de pizarra”, que se presentaba en xullo.

 

 

Diego Casal: “A seguridade no sector da lousa de Galicia: experiencia, evolución e retos actuais”

O punto de vista da administración galega achegábase na ponencia “A seguridade no sector da lousa de Galicia: experiencia, evolución e retos actuais”, que impartía Diego Casal Ramos, subdirector xeral de Recursos Minerais da Xunta. Na súa intervención abordaba a seguridade no sector da lousa galego a través do seu evolución, a experiencia acumulada e os retos actuais. Ademais repasaba os avances realizados e trataba as cuestións pendentes para continuar mellorando a seguridade e a saúde laboral.

 

Cedida.

 

Cristina Martínez: “Desafíos diagnósticos na silicose”

O último relatorio centrábase nos desafívos diagnósticos da silicose. Expoñíao Cristina Martínez González, doutora en Medicina e especialista en Neumoloxía e Medicina do Traballo, ademais de xefa de Sección de Neumoloxía Ocupacional no Instituto Nacional de Silicose. Esta doutora afondaba nas dificultades e nos retos que expón o diagnóstico desta enfermidade desde os ámbitos médico e ocupacional.

Clausura da xornada

O subdirector xeral de Recursos Minerais da Xunta de Galicia, Diego Casal Ramos; o presidente do Clúster da Pizarra de Galicia, Eliseo López Alonso, e a delegada especial da Deputación de Ourense en Valdeorras e alcaldesa de Carballeda de Valdeorras, María Carmen González Quintela, eran os encargados de clausurar o encontro.

Diego Casal Ramos aludía ao apoio da Xunta de Galicia ao sector da lousa e adiantaba se van incrementar os recursos humanos en Ourense e Santiago de Compostela para ofrecer unha atención más próxima e directa ás empresas. “Aumentaremos además a financiación a través das líneas de axuda xa existentes, co obxectivo de acompañar ao tecido empresarial, impulsar a súa competitividade e favorecer o seu desenvolvemento”. Casal sinalaba que “Galicia é un territorio estratéxico para unha minería moderna, innovadora e de vangarda, e a Xunta seguirá traballando para fortalecer o sector e garantir o seu futuro”.

Pola súa banda, Eliseo López agradecía a participación dos relatores e asistentes e poñía en valor a continuidade dunha iniciativa que permite profundar en cuestións esenciais para o sector.

 

Cedida.

 

María Carmen González destacaba o papel da lousa como motor económico e xerador de emprego no medio rural, especialmente relevante para fixar población e crear oportunidades de futuro en Valdeorras. A alcaldesa de Carballeda subliñaba que “a seguridade e a saúde dos traballadores deben constituír unha prioridade permanente” e avogaba pola colaboración institucional “cunha industria fundamental para a competitividade, o desenvolvemento económico e o benestar social da comarca”.

Con esta segunda edición, o Clúster da Pizarra de Galicia “reafirma o seu compromiso coa promoción de espazos de encontro e reflexión que favorezan o intercambio de coñecementos especializados e contribúan á mellora continua das condicións de seguridade e saúde no sector”, segundo indica esta entidade.

Fotos e vídeos: O SIL.

 

 

Back to top button