Da man de Alexandra Seara, xerente do consorcio de Turismo Ribeira Sacra, un grupo de vascos do Destino turístico Gorbeia Euskadi vén de visitar o concello de Parada de Sil para coñecer de primeira man o desenvolvemento deste concello en varios aspectos e especialmente no que ten que ver co turismo sostible.
Este destino turístico está xestionado por unha entidade publica nos territorios de Araba e unha asociación sen ánimo de Lucro na parte de Biscaia.
Os presidentes das dúas entidades e os seu técnicos, así como alcaldes e alcaldesas de varios municipios, guías turísticos, empresarios e traballadores de aloxamentos turísticos e restaurantes e artesáns, entre outros presenciaron unha presentación do Concello de Parada de Sil.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Paco Magide, explicáballes como a partir do 2007 se trazou o desenvolvemento do concello potenciando un turismo sostible, pondo como exemplo o bus lanzadeira ao Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil e a suspensión de licenzas de rehabilitación e construción con finalidade turística no núcleo de Parada de Sil, feitos moi valorados polos asistentes como un camiño positivo.
O desenvolvemento do turismo trouxo novos traballadores con necesidades de vivenda que o concello procura, buscando a axuda doutras institucións, satisfacer na medida do posible coa rehabilitación de oito vivendas en Fondodevila, Caxide e A Edrada, aspirando a seguir nesa dirección.

Tamén explicou a estreita colaboración coa asociación de propietarios de soutos para impulsar e promocionar a paisaxe e a castaña dende fai tempo coa publicación do libro “A Castaña Patrimonio Gastronómico” ata a última intervención da Xunta de Galicia nos desbroces e podas sanitarias en cinco polígonos de máis de 12 hectáreas cada un deles, de explotación forestal conxunta.
O concelleiro de Cultura de Parada de Sil agarda establecer contactos con este destino para ver e aprender moitas cousas na conservación e promoción da paisaxe e no manexo da gandaría para ver posibles réplicas no noso concello.
Así mesmo Paco Magide quere agradecer ao Consorcio de Turismo Ribeira Sacra esta visita e agarda que siga a estreita colaboración a prol deste territorio.
Fotos cedidas.
