
Coincidindo co Día Mundial da Dor, que este ano se dedica á dor neuropática, a Unidade da Dor do Hospital Universitario de Ourense destaca a importancia do diagnóstico precoz e dos tratamentos personalizados, para limitar o seu impacto na autonomía e na calidade de vida dos pacientes afectados, unha de cada dez persoas, con especial incidencia entre as de maior idade.
A dor neuropática prodúcese por unha lesión ou enfermidade do sistema nervioso, encargado de transmitir sensacións como o tacto, a temperatura e a dor. As persoas afectadas adoitan describila como queimazón, descargas eléctricas, picadas ou formigueos doorosos, e poden presentar unha sensibilidade extrema ao contacto, ata o punto de que o simple rozamento da roupa ou das sabas resulta insoportable.
A doutora Luz Cánovas, xefa do Servizo de Anestesioloxía e Reanimación e responsable da Unidade da Dor, explica que, aínda que a dor neuropática non é necesariamente crónica, presenta unha elevada tendencia a persistir e cronificarse «Falamos de dor crónica cando o cadro perdura máis de tres meses. Nalgúns pacientes pode desaparecer ao tratar a causa, mentres que noutros pode persistir durante meses ou anos», explica Cánovas, quen insiste na importancia de actuar a tempo para evitar que a dor acabe condicionando a autonomía e a vida cotiá.

O envellecemento, un factor de especial relevancia en Galicia
Entre as causas da dor neuropática atópanse a diabetes, o herpes zóster, as lesións nerviosas, determinadas enfermidades neurolóxicas, as patoloxías da columna vertebral, ou determinados tratamientos oncolóxicos, especialmente a quimioterapia. Pode afectar a persoas de calquera idade, aínda que son máis frecuentes entre a poboación maior, dado o incremento de padecer mais patoloxias con risco de desencadear este tipo de dor.
O seu tratamento resulta especialmente complexo nas persoas maiores, con máis posibilidades de presentar pluripatoloxías e acumulación de tratamentos farmacolóxicos, debido ao risco de efectos adversos como somnolencia, mareos, caídas ou alteracións cognitivas. Dificultades que desde a Unidade instan a superar. «Envellecer non significa ter que vivir con dor. O noso obxectivo é que os pacientes manteñan a súa autonomía e a súa calidade de vida durante o maior tempo posible», sinala a doutora Cánovas.
A dor neuropática persistente pode dificultar o descanso, reducir a mobilidade, interferir nas relacións sociais e favorecer a aparición de ansiedade, síntomas depresivos e perda de independencia. Por iso, os especialistas consideran que a eficacia dos tratamentos debe medirse tamén pola recuperación da capacidade para realizar actividades habituais.

Tratamentos personalizados e técnicas intervencionistas
O tratamento da dor neuropática require unha valoración individualizada, xa que a resposta aos medicamentos varía entre pacientes. Entre as alternativas farmacolóxicas figuran determinados antidepresivos e fármacos que modulan a transmisión nerviosa, así como tratamentos locais mediante parches de capsaicina ou lidocaína, que permiten actuar directamente sobre as zonas afectadas.
Cando os medicamentos non conseguen un alivio suficiente, a Unidade da Dor pode recorrer a técnicas intervencionistas, como bloqueos nerviosos, radiofrecuencia ou neuromodulación, que permiten modificar a transmisión dos sinais dolorosos mediante estimulación nerviosa.
Estas técnicas, indicadas en pacientes seleccionados, amplían as posibilidades de tratamento das formas de dor crónica que non responden adecuadamente ás alternativas convencionais.

Unha unidade pioneira que atende arredor de 17.000 consultas e procedementos anuais
Creada en 1977, a Unidade da Dor do Hospital Universitario de Ourense foi a primeira de Galicia e unha das pioneiras de España. Na actualidade desenvolve unha elevada actividade asistencial, con aproximadamente 1.400 atencións mensuais, o que representa arredor de 17.000 ao ano. Esta actividade comprende pacientes con dor musculoesquelética, oncolóxica e outras síndromes de dor crónica complexa, explica a doutora Cánovas, que estima que a Unidade atende ao redor 2.000 pacientes ao ano con dor neuropática.
A Unidade combina tratamentos farmacolóxicos, técnicas intervencionistas avanzadas e investigación clínica para ofrecer unha atención cada vez máis personalizada.
Entre os seus ámbitos de especialización destaca tamén a dor oncolóxica, na que conta coa acreditación ACDON da Sociedade Española de Calidade Asistencial (SECA), vinculada á calidade da atención aos pacientes con dor relacionada co cancro.
A investigación constitúe outra das súas liñas de traballo, mediante proxectos orientados a mellorar a eficacia e seguridade dos tratamentos e reducir a carga farmacolóxica cando sexa posible. Nesta actividade participa o grupo SOSDOL, Dor e Sustentabilidade, que promove a innovación e o uso responsable dos recursos sanitarios.