En portadaÚltima horaVídeos

A veciñanza do oriente ourensán clama nas rúas do Barco por unha sanidade “pública, próxima e de calidade”

Milleiros de persoas participaban na manifestación que se celebraba nesta tarde, convocada pola Plataforma Sanitaria de Valdeorras

 

Clamor da veciñanza de Valdeorras,Terras de Trives e Viana do Bolo por unha sanidade pública digna e e calidade. Unha vez máis volvía levar as súas demandas á rúa nunha manifestación convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública con saída dende o Hospital Público de Valdeorras, no Barco, e que reunía a milleiros de persoas. Entre os asistentes había veciños, persoal do hospital valdeorrés e tamén diferentes representantes políticos como alcaldes e concelleiros, así como deputados provinciais, autonómicos e tamén o subdelegado do Goberno en Ourense. Tamén acudían veciños de Verín, en apoio á marcha valdeorresa. “Non hai outra alternativa que saír ás rúas e loitar para defender o noso dereito a unha sanidade pública universal e gratuíta, unha sanidade de calidade e próxima”, dicían os convocantes do acto.

A marcha facía un longo traxecto, no que se escoitaban diversas consignas en defensa da sanidade e do hospital valdeorrés, e remataba na praza Otero Pedrayo de Viloira, onde os voceiros da plataforma, Suso Vilasánchez e Orlando Saavedra, agradecían a participación nesta marcha e procedían a dar lectura a un manifesto sobre a situación no Distrito Sanitario de Valdeorras e as necesidades existentes no mesmo.

 

 

“A situación do noso distrito sanitario é preocupante, máis de 30.000 persoas vivimos dispersas por un territorio de montañas e vales, con estradas mal conservadas e de trazados sinuosos, cunha orografías agreste e unha climatoloxía dura: de nevadas e xeos no inverno, que en ocasións imposibilitan o desprazamento humano. Somos poucos, pero non valemos menos que os da capital”, comezaban dicindo. “Unha poboación que se ve obrigada a sufrir as carencias dun sistema sanitario público que está sendo conducido á desaparición e á privatización”, proseguían.

 

 

Así mesmo, na intervención poñíase o foco na situación da atención hospitalaria na zona. “O Hospital do noso distrito, o noso antigo Hospital Comarcal de Valdeorras, sofre un continuo baile de servizos e profesionais que fai inviable unha atención sanitaria digna e coa continuidade asistencial precisa. A desconsideración dos xestores sanitarios cara nós é notoria. A falta da máis mínima planificación é palpable: néganse a facer estudos de prevaleza, néganse a saber de que enfermamos, e se o saben agóchano. A desidia e a indiferenza por parte dos directivos da área e distrito marcan o noso padecer”.

 

 

O manifesto sinalaba, entre outras cuestións, que “na atención hospitalaria vemos como as listas de espera medran e se falsean, Como hai reclamacións da cidadanía que se contestan en branco, ou non se contestan e como desaparecen citas dos buzóns.Tamén vemos como desapareceron prazas e profesionais de enfermaría e medicina: postos de coordinadores e xefes de sección ou servizo que tiñan actividade clínica no nosos hospital foron desprazados, no mellor dos casos ao CHUO, ou feitos desaparecer. Vemos como non se fixo caso aos nosos problemas e situacións específicas, como a silicose. Negándose unha e outra vez a modificar a dotación orzada para acadar unha praza de pneumoloxía”. En definitiva, “por ver, vemos, si que vemos, vemos como desaparece o noso hospital e non estamos dispostos a consentilo”.

 

 

Ademais poñíase o foco no panorama sanitario na Atención Primaria. “Os nosos centros de saúde tamén sofren ataques sistemáticos e algúns perderon recursos humanos nos últimos anos coa desculpa da escasa poboación: O Bolo, A Veiga, e Rubiá perderon cada seu médico sen terse en conta a dispersión e o envellecemento da poboación, as dificultades para acudir a centros sanitarios distantes, as moitas enfermidades crónicas, e a polimedicación. A algúns centros péchanlles a súa consulta médica en caso de ausencia do seu ou a súa médica de atención primaria, a outros envíanselles médicos ou médicas por media xornada e noutros recortan as dotacións un día sí e outro tamén sen cubrírselles as baixas nin os permisos“, dando lugar a “esperas nunca vistas para sermos atendidos polos nosos médicos e médicas de cabeceira, esperas que agravan as nosas enfermidades e póñenos en perigo”. Comentábase ademais a situación da atención pediátrica e da falta de xeriatras.

 

 

 

No manifesto recollíase outra das demandas que aínda non ten sido atendida. “Négasenos sistematicamente unha ambulancia de soporte vital avanzado (SVA) encadrada dentro da rede de transporte urxente do 061 pese ás nosas cifras de sinistralidade, a nosa dispersión xeográfico e a nosa distancia da capital, e logo pretenden disimular esta desfeita concedendo ambulancias non asistenciais para concellos afastados como o da Veiga, que de pouco valen máis que para transporte sen posibilidade de atención ao paciente”.

 

 

Finalmente, os voceiros da plataforma convocante agradecían a asistencia de representantes institucionais e sindicatos, pero, sobre todo, a dos “cidadáns e cidadás, compañeiros e compañeiras, xentes dos concellos de: O Barco , A Rúa, Vilamartín, Rubiá, Carballeda, O Bolo, A Veiga, Larouco, Viana; Petín, Trives, Manzaneda e Vilariño. Xente das múltiples asociacións do noso distrito, asociacións que colaboran man a man con persoas individuais porque entre todos e todas conformamos esta Plataforma Sanitaria de Valdeorras”. Tamén se agradecía a asistencia dunha representación de persoas chegadas de Verín.

 

 

O manifesto concluía cunha nova chamada á loita en defensa da sanidade. “Seguiremos loitando por unha sanidade pública digna para o noso distrito sanitario. ¡O Barco non se pecha-Verín non se pecha!”.

Durante a manifestación o tráfico estivo regulado e controlado pola Policía Local do Barco. Tamén se contaba coa presenza da Garda Civil.

Valoración da Plataforma Sanitaria de Valdeorras tras a manifestación

Nesta noite a Plataforma Sanitaria de Valdeorras emitía un comunicado para valorar a manifestación deste 17 de outubro. “Queremos agradecer a toda a cidadanía a fermosa mobilización que encheu as rúas do Barco por milleiros de persoas en defensa dunha sanidade pública de calidade, berrando: “Goberne quen goberne, a sanidade non se vende”, “O Barco non se pecha”, “Máis especialistas, menos tempo nas listas” “.

Así mesmo, dende o colectivo queren “lembrar á Xunta que, como dixéramos o novembro pasado, que aquela non foi e está non será a última mobilización e que continuaremos ata conseguir un servizo digno e acaído às nosas necesidades, entroutras, nas áreas de pediatría, xeriatría, uroloxía, pneumoloxía e saúde mental. E superar o inaceitábel abandono da primaria no Bolo, A Veiga e Rubiá”.

Por outra banda, segundo a Subdelegación do Goberno en Ourense e a Garda Civil “a manifestación congrebaba en torno a 5.000 persoas”.

Fotos e vídeos: O SIL.

 

 

 

 

 

Back to top button