ConcellosÚltima hora

Arde unha casa e outra vese afectada polo lume, no municipio da Pobra de Trives

 

Na noite do sábado 17 de outubro producíase un incendio que calcinaba unha casa no municipio da Pobra de Trives, tal como informan dende o 112 Galicia, indicando que “outra vivenda que estaba pegada tamén sufriu danos e unha persoa foi atendida no punto por unha crise de ansiedade”.

O 112 Galicia tiña constancia deste lume a través dun particular, pasadas as 22:10 horas, “estaba a arder unha habitación nunha casa situada no lugar de Monteboi, en Sobrado”, indicaba o informante, “confirmando que ningunha persoa resultara ferida”.

Así, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activaban un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil, o GES de Castro Caldelas e os voluntarios de Protección Civil da Pobra de Trives. “O distrito forestal da zona, de Medio Rural, tamén enviaba medios para colaborar neste incendio”, engaden dende o 112.

Pouco despois das 23:30 horas, “os servizos de emerxencias daban o incendio por controlado, pero continuaron traballando na zona durante horas ata que as lapas quedaron completamente apagadas, pasadas as 2:30 horas da madrugada”.

Tal como conclúen dende o 112, “o incendio queimou por completo unha casa, colapsando o tellado, mentres que a vivenda contigua viuse parcialmente afectada”.

Back to top button