
A Xunta, a través do Servizo Galego de Saúde, vén de publicar no Portal de Contratos Públicos a adxudicación, por un importe de 2.115.697 euros, do subministro sucesivo de implantes de columna con destino á área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras. Distribuído en 19 lotes, as empresas que resultaron adxudicatarias foron Medtronic Ibérica S.A., Orto-Arins S.l.U. e Prim S.A. O contrato terá unha duración inicial de 2 anos, recollendo a posibilidade de prórroga por 24 meses máis.
No seu conxunto, o expediente inclúe a adquisición de máis de 7.700 unidades, entre conectores, barras, mallas, parafusos, etc., para placas cervicais, espazadores intersomáticos, sistemas de implantes para deformidades e fracturas do adulto, sistemas de implantes para columna dexenerativa, espazadores expansibles, etc.
Este material sanitario empregarase en intervencións cirúrxicas de columna co fin de corrixir posibles anomalías de carácter estrutural mediante un implante artificial cuxo obxectivo é substituír as partes danadas e aliviar a dor ao paciente.
As lesións de costas, e máis concretamente as da columna, convertéronse nun problema que cada vez afecta a máis xente debido ao paso dos anos, aos accidentes, aos sobreesforzos e ás malas posturas no día a día.
A cirurxía de columna permite descomprimir, mobilizar os elementos, fixar estruturas vertebrais e substituílos, e debe deseñarse de acordo á patoloxía que refire o doente, co fin de recuperar a estabilidade ou corrixir a aliñación das vértebras, xa sexa por procesos dexenerativos, postcirúrxicos, conxénitos ou traumáticos.