En portadaÚltima hora

As voluntarias da AECC en Valdeorras volven saír á rúa con motivo do Día Mundial contra o Cancro de Mama

No marco desta data a Asociación Española contra o Cancro na provincia desenvolve diversas actividades de sensibilización e concienciación sobre esta enfermidade

 

Caraveis e lazos rosas. As voluntarias da Asociación Española contra o Cancro volven saír á rúa neste luns 19 de outubro no Barco. Na praza do Concello desta vila situábase unha mesa informativa con motivo da celebración do Día Mundial contra o Cancro de Mama.

Esta é unha das actividades que esta entidade desenvolve na provincia para promover a sensibilización, información e mobilización social co obxectivo de achegar á cidadanía a realidade do cancro de mama, fomentar a prevención e visibilizar as necesidades das pacientes.

Así, ademais de no Barco, este luns instalaranse mesas informativas e puntos de venda de merchandising solidario en distintos municipios da provincia. Na cidade de Ourense, a Asociación estará presente no Parque San Lázaro e no Hospital Santa María Nai. Ademais, celebrarase unha fotografía institucional e a lectura dun manifesto por parte dunha paciente de cancro de mama. Tamén haberá mesas informativas na Rúa, Petín, Verín, Xinzo de Limia e Ribadavia.

Dentro do programa de actos, a asociación asistirá ademais á entrega dos tradicionais corazóns solidarios elaborados nun taller de reciclaxe desenvolvida a través do voluntariado de Afundación e o Sergas Ourense. O acto terá lugar no Espazo Ágora do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.

 

 

A xornada incluirá unha visita institucional de Manuel Pardo, delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, á sede provincial da AECC na cidade de Ourense, onde coñecerá os programas e servizos gratuítos que a entidade ofrece a pacientes e familiares, alén de asinar o libro de honra da organización.

Como peche da campaña, o xoves 22 de outubro celebrarase o VI Partido benéfico contra o Cancro de Mama entre o EFF Rosalía e unha selección de Mulleres de Ourense no campo municipal de Oira. A iniciativa, organizada coa colaboración de distintas entidades e institucións da provincia, destinará a recadación á investigación contra o cancro de mama.

Así mesmo, numerosas entidades, asociacións, empresas e institucións colaborarán na difusión da campaña e diferentes edificios e monumentos da provincia iluminaranse de cor rosa como mostra de apoio e compromiso coas persoas afectadas polo cancro de mama.

Fotos: A.R.

Back to top button