CulturaCulturaÚltima hora

O papel das mulleres nos negocios ao cabo da Idade Media, analizado nun encontro en Santiago

O encontro analizará a participación feminina no comercio, as finanzas e a xestión do patrimonio a través de estudos de distintos territorios da Península Ibérica

Cedida.

 

Santiago de Compostela acolle hoxe e mañá o coloquio «Mulleres xestoras e de negocios ao cabo da Idade Media», organizado no marco do grupo de investigación «Historia social do poder desde a Idade Media» do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS), centro mixto do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e a Xunta de Galicia. O encontro ten lugar no salón de actos do Antigo Hospital de San Roque, situado no número 2 da rúa de San Roque, e enmárcase nas actividades do Comité de Igualdade do IEGPS.

O coloquio ten como obxectivo afondar no coñecemento da participación das mulleres na xestión económica, patrimonial e administrativa de finais da Idade Media. Desde as perspectivas da historia social e económica, a historia das mulleres e as relacións de xénero, abordarase a súa presenza no comercio, os oficios, o crédito, o investimento, a administración de bens e señoríos e as actividades portuarias.

«Durante anos, e aínda predomina esa visión no imaxinario colectivo, fixéronnos crer que as mulleres vivían maioritariamente apartadas da vida pública, excepto nalgúns casos de raíñas ou mulleres excepcionais», explica Amparo Rubio Martínez, científica titular do CSIC no IEGPS e membro da dirección científica do encontro. «De feito, moitas delas, unha vez que quedaban viúvas, acababan tomando as rendas do negocio, exercendo un notable protagonismo e labor de liderado», sinala.

A través de estudos procedentes das coroas de Castela e Aragón e do reino de Portugal, examinaranse as estratexias despregadas por mulleres de diversa condición social para negociar, emprender, administrar os seus patrimonios e construír redes socioeconómicas. O programa prestará especial atención á súa capacidade de iniciativa e aos condicionantes xurídicos, familiares e sociais que delimitaron as súas posibilidades de actuación.

«Pretendemos contribuír tamén a cuestionar e desmitificar esa imaxe xeneralizada das mulleres como suxeitos pasivos, e non activos, da historia», destaca María Álvarez Fernández, profesora titular de Historia Medieval da Universidade de Oviedo e membro da dirección científica. Xunto a Rubio e Álvarez, integran esta dirección Miguel García Fernández, investigador natural de Guístolas (San Xoán de Río), do IEGPS, e Andrea Fernández García, da Universidade de Oviedo.

O encontro comezaba esta mañá coa inauguración oficial a cargo do director do IEGPS, Pablo S. Otero Piñeyro Maseda; de Amparo Rubio, vicedirectora do IEGPS e responsable da dirección científica do evento e de María Álvarez Fernández (Universidade de Oviedo), responsable da dirección científica do evento.
A continuación, María Asenjo González, da Universidade Complutense de Madrid, impartirá a conferencia inaugural, dedicada ao traballo das mulleres castelás a finais da Idade Media. As tres sesións desta primeira xornada abordarán, entre outros asuntos, os negocios femininos na Coroa de Aragón, a actividade das mulleres nos portos, a economía urbana sevillana e a xestión patrimonial en Galicia e Burgos.

Mañá, martes 20 de outubro, desde as 9 horas, as dúas últimas sesións analizarán a xestión inmobiliaria das mulleres na Compostela baixomedieval, a iniciativa económica das viúvas, a administración de patrimonios nobiliarios e a conflitividade no ámbito laboral. Tamén se examinará a representación das mulleres de negocios nos materiais didácticos e divulgativos.

A conferencia de clausura, prevista para as 13.15 horas, correrá a cargo de Elena García Guerra, do Instituto de Historia do CSIC, quen analizará a participación de mulleres investidoras na banca Fugger en Castela durante os séculos XVI e XVII. O programa inclúe unha visita á Catedral de Santiago esa tarde. Así mesmo, prevese reunir os resultados do coloquio nun volume monográfico.

O encontro diríxese fundamentalmente a persoal investigador e alumnado en formación, aínda que está aberto a todas as persoas interesadas ata completar capacidade. Para reservar praza, pódese enviar un correo a divulgacion@iegps.csic.es . Expedirase certificado de asistencia, previa solicitude, a quen asista polo menos ao 80% das sesións.

Back to top button