
A Denominación de Orixe Valdeorras participa este luns en Ámsterdam (Países Baixos) nunha xornada profesional destinada a promocionar a calidade e a diversidade dos viños e destilados galegos no mercado internacional. A iniciativa, impulsada pola Asociación dos Consellos Reguladores do Viño de Galicia e das Indicacións Xeográficas de Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia (ACRUAGA), reúne unha ampla representación dos produtos amparados polos selos de calidade galegos, entre os que Valdeorras está presente con 25 referencias.
O encontro, que se celebra no espazo LuminAir, permite achegar aos profesionais do mercado neerlandés a identidade vitivinícola de Valdeorras, unha comarca recoñecida especialmente pola calidade e personalidade dos seus viños brancos elaborados coa variedade Godello, un dos grandes emblemas da denominación. “A participación valdeorresa constitúe unha oportunidade para dar a coñecer as particularidades dos seus viños, vinculados ao territorio, ás variedades autóctonas e ao saber facer das súas adegas”, segundo a D.O..
O encontro reuniu representantes dos seis Consellos Reguladores galegos que forman parte de ACRUAGA e permitiu aos profesionais asistentes achegarse á diversidade e singularidade dos viños e destilados tradicionais da comunidade. Entre as actividades programadas destacou unha masterclass a cargo de Inma Muñoz, escritora especializada en viños e profesional do sector vitivinícola residente nos Países Baixos, onde colabora con Wine Dutch Apprentice e outros medios especializados. A xornada completouse cunha degustación de produtos galegos que puxo de manifesto a riqueza e variedade da oferta amparada polos selos de calidade participantes.

Riqueza e variedade do patrimonio vitivinícola
A presenza da D.O. Valdeorras nesta acción promocional permite poñer o foco na riqueza do seu patrimonio vitivinícola e, especialmente, no Godello, unha variedade que se converteu nun dos principais referentes da denominación dentro e fóra de España. Os seus viños destacan pola súa personalidade, elegancia e capacidade para expresar as características do territorio no que se cultivan.
Xunto a esta variedade, a denominación representa tamén a diversidade da viticultura valdeorresa e o traballo das adegas que apostan pola calidade, polas variedades autóctonas e pola diferenciación como elementos clave para consolidar a súa presenza nos mercados.
A participación en Ámsterdam enmárcase na estratexia promocional do Consello Regulador, orientada a reforzar o recoñecemento dos viños de Valdeorras, ampliar a súa proxección internacional e xerar novas oportunidades de relación comercial con importadores, distribuidores, sumilleres e outros profesionais do sector.

A promoción continuará en Róterdam
A acción promocional terá continuidade este mércores 21 de outubro en Róterdam, onde ACRUAGA celebrará unha segunda xornada profesional no Hulstkamp Gebouw. A nova cita permitirá seguir difundindo a diversidade e a calidade dos viños e destilados galegos entre os profesionais do mercado neerlandés e reforzar a visibilidade das denominacións de orixe de Galicia.
Para a D.O. Valdeorras, esta presenza conxunta supón “unha oportunidade para seguir posicionando os seus viños nos mercados internacionais de interese, poñer en valor o traballo das súas adegas e achegar a singularidade das súas elaboracións a novos públicos profesionais”, explicaba Jorge Mazaira, director técnico do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras.
A iniciativa conta co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e forma parte das accións de internacionalización destinadas a impulsar a promoción exterior dos produtos agroalimentarios galegos amparados por selos de calidade diferenciada.

Unha aposta conxunta pola calidade galega
ACRUAGA agrupa os cinco consellos reguladores das denominacións de orixe vitivinícolas de Galicia —Ribeira Sacra, Ribeiro, Rías Baixas, Valdeorras e Monterrei—, así como os consellos reguladores das indicacións xeográficas dos augardentes e licores tradicionais de Galicia.
A través desta representación conxunta, a asociación promove unha oferta que combina a diversidade dos territorios vitivinícolas galegos, as súas variedades autóctonas e a tradición dos seus destilados, baixo o respaldo dos sistemas de control e certificación dos consellos reguladores.
As xornadas dos Países Baixos enmárcanse na estratexia de internacionalización de ACRUAGA e no convenio de colaboración co IGAPE para apoiar a promoción exterior dos produtos agroalimentarios galegos de calidade diferenciada.

Fotos cedidas por ACRUAGA.