
Coincidindo coa conmemoración do Día Mundial do Cancro de Mama, o Hospital Universitario de Ourense acolleu hoxe a entrega dos “corazóns solidarios” confeccionados polas voluntarias do Espazo +60 de Afundación, unha iniciativa que desde hai tres anos contribúe á facer máis levadeira a recuperación postcirúrxica das pacientes operadas de cancro de mama na Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras.
A forma de corazón destes coxíns, non é casualidade, cunha abertura en V máis pronunciada permiten axustalos baixo o brazo e mantelos na posición máis cómoda para cada paciente, protexe a ferida cirúrxica permitindo o apoio do brazo, e facilita o descanso, especialmente ao deitarse, e sobre todo supón unha suave barreira de protección física e emocional de saber que cada peza está confeccionada por voluntarias que queren acompañar e protexer.
Confeccionado a man polas voluntarias do Espazo +60, moitas delas a súa vez con experiencias similares, as almofadas transmiten a mensaxe de apoio e proximidade tanto das suas autoras como das profesionales que o entregan, ben na consulta precirúrxica da unidade de mama como directamente na planta.
Tres anos de colaboración e acompañamento
A entrega dos corazóns solidarios estase a converter xa nunha tradición de encontro coa que o Hospital Universitario de Ourense conmemora cada 19 de outubro o Día Mundial do Cancro de Mama. Esta iniciativa, que se desenvolve desde hai tres anos en colaboración coas voluntarias do Espazo +60 de Afundación, reúne anualmente voluntariado, de Afundación, da Asociación contra o Cancro e do propio hospital, con profesionais sanitarios dos distintos servizos implicados no diagnóstico e tratamento desta enfermidade, entre eles Radiodiagnóstico, Anatomía Patolóxica, Cirurxía Xeral, Oncoloxía Radioterápica e Oncoloxía Médica.
O encontro contou co acompañamento musical por parte de Lorena Álvarez e María Ramos e coa participación de Isabel Cousiño, voluntaria do hospital e paciente de cancro de mama, que compartiu a súa experiencia persoal. Cousiño colabora impartindo obradoiros de maquillaxe para pacientes durante o seu proceso de tratamento e recuperación dun cancro.
Máis de 400 novos diagnósticos anuais
Segundo os datos do servizo de Anatomóa Patolóxica, na Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras diagnosticáronse máis de 400 novos casos en 2025, realizándose para o seu estudo un total de 1.498 biopsias que permitiron confirmar, ou descartar o diagnóstico. Tanto a nivel ambulatorio como intracirurxico por parte dos servizos de radiodiagnóstico e cirurxía.
A atención ás pacientes implica un traballo multidisciplinar no que participan os servizos de Radiodiagnóstico, Anatomía Patolóxica, Cirurxía Xeral, Oncoloxía Médica e Oncoloxía Radioterápica e Medicina Nuclear, representados a súa vez no Comité de Tumores de Mama.
Comité de Tumores: Tratamento individualizado de cada paciente
O Comité de Mama do Hospital universitario de Ourense leva funcionando en Ourense desde finais dos anos noventa e reúnese todos os xoves a primeira hora, revisando unha media de 18 casos. Ao longo do ano, os membros do comité revisan máis de 1.000 casos, xa que unha mesma paciente pode ser vista en diferentes momentos en función da súa evolución.
O comité permite unha visión multidisciplinar, na que cada profesional achega o seu coñecemento e a súa experiencia, o que posibilita tomar decisións colexiadas propoñendo o mellor itinerario terapeútico para cada paciente.
A maioría das pacientes que son valoradas polo comité de expertos contan xa cun diagnóstico confirmado de malignidade. A partir dese punto, o equipo valora o tipo de intervención cirúrxica —conservadora ou mastectomía— ou se é preciso un tratamento neoadxuvante, como quimioterapia ou radioterapia, para reducir o tumor antes da operación. Despois da cirurxía, vólvense a avaliar os resultados para propoñer tratamentos complementarios, como hormonoterapia, valorando sempre todos os puntos de vista e os protocolos internacionais, pero sobre todo as particularidades de cada paciente.