Dispor de “servizo de auga potable”. Con esta demanda a veciñanza de Arcos concentrábase ás 11h. deste luns 19 de outubro na praza do Concello de Vilamartín de Valdeorras. “A veciñanza de Arcos leva cáseque unha semán sen poder facer uso dun ben tan necesario como é a auga potable, logo da derradeira choiva torrencial que causou danos en diferentes infraestruturas xa non só do concello de Vilamartín de Valdeorras, senón tamén en outros da nosa zona”, lembraba a Asociación Veciñal de Arcos antes deste acto.
Durante a concentración, dende esta entidade solicitábase que a alcaldesa de Vilamartín, Sherezade Núñez, recibise á veciñanza, unha proposta que aceptou a rexedora e así, os asistentes, puideron trasladarlle as demandas e o seu malestar pola situación nun encontro que se celebraba no salón de plenos.
No decurso da reunión, os veciños interviñan amosando as súas queixas pola falta de subministro de auga potable nesta localidade. En concreto os de dous barrios levan nove días seguidos sen auga e nos últimos 14 días só tiveron 2 con auga. Tamén lle comentaban que na rúa central da localidade algún día hai que teñen auga, pero que esa situación non é suficiente nin sostible para vivir.

A alcaldesa comprendía o enfado da veciñanza de Arcos e explicáballes a situación que se está vivindo, a consecuencia dos lumes do 2025, e como o Concello leva demandando, hai máis dun ano, a intervención da Consellería do Medio Rural, xa que o Concello non dispón nin de recursos e medios económico para facerlle fronte á magnitude do desastre, nin da capacidade técnica, “o que vén da montaña é incontrolable”.
“Os abastecementos de auga potable dos núcleos de poboación”, explica a alcaldesa, “son de alta montaña, entón a raíz deses incendios hai moitos que quedaron totalmente ao descuberto. E concretamente que subministra a Arcos-Valdegodos, que son os maiores consumidores de auga no concello xunto con Vilamartín, non ten auga practicamente agora mesmo, entre que non choveu e o manancial está ao descuberto. Pensamos que cando veñan as chuvias pode recuperar, pero como medida de emerxencia, comezamos a bombear auga do Farelos, fixemos unha obra que despois se levou a riada. O que pasa é que o Farelos está totalmente comprometido, está vulnerable, entón está auga turbia e cada vez que chove un pouco, aínda que sexa na montaña, hai arrastres e colapsa a captación”.
E isto, prosegue Sherezade Núñez, “sumado a que a rede de abastecemento dos núcleos de poboación do rural, neste caso de Arcos, presenta un envellecemento consirable, pois agora están sometidas a cambios de presión e a atrancos que antes non tiña, entón está comezando a colapsar en moitos puntos. Polo tanto, entre que non hai auga e a que vén, vén en condicións malas e acaba danando esa rede de abastecemento, pois estanse producindo unha serie de consecuencias que nos está custando moito solucionar. Antes non se notaba tanto a falta de auga porque había un caudal constante, pero agora énchese o depósito e como hai moitas fugas, vólvese baleirar. Hoxe solucionamos iso, estivemos traballando toda a fin de semana, e neste luns logramos reverter o caudal de auga, localizamos a avaría e esperamos que mañá consigamos que todo volva á normalidade”.
Porén, a alcaldesa recoñece que esta medida “é pan para hoxe e fame para mañá porque, tal e como está a montaña e todo, non nos garante que sexa unha solución permanente, é dicir, que en calquera momento se pode ver afectada porque son moitos os factores externos que xogan na nosa contra e o Concello está totalmente superado por isto que acontece porque non é só Arcos, é Valdegodos, agora non hai auga en Vilamartín, Arnado, San Miguel e Valencia do Sil tamén teñen problemas de abastecemento e vai ser un inverno moi complicado”.
Por iso, comenta Sherezade Núñez, “a veciñanza comprendeu as nosas explicacións, entendémonos moi ben e tamén nos deron moitas ideas para ir poñendo en marcha, e así o imos facer. Un concello tan pequeno como este, coa magnitude da catástrofe é imposible facerlle fronte sós, necesitamos axuda das outras administracións, que se impliquen e que tomen as medidas que non se están tomando ata de agora”.
Fotos cedidas.
