CulturaCulturaÚltima hora

“As alumnas”, unha obra sobre a educación das mulleres e a memoria histórica, este sábado en Viana do Bolo

A función terá lugar o 24 de outubro, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura, e permitirá ao público achegarse á historia da pedagoga galega María Barbeito

 

A Casa da Cultura de Viana do Bolo acollerá o vindeiro sábado, 24 de outubro, ás 20 horas, a representación teatral de As alumnas, unha obra que convida a reflexionar sobre a educación das mulleres, a memoria histórica e a importancia do acceso ao coñecemento como ferramenta de liberdade e igualdade.

A representación coincide coa celebración do Día das Bibliotecas, que se celebra o 24 de outubro, dúas datas que poñen en valor a literatura, a cultura e o papel das mulleres na creación e na transmisión do coñecemento.

A obra presenta o reencontro, en 1970, de dúas antigas alumnas tras o falecemento da pedagoga galega María Barbeito. A través das súas lembranzas, recupera a memoria dunha educación renovadora e aborda as consecuencias da represión franquista, especialmente no ensino e na vida das mulleres.

As alumnas, escrita por Paula Carballeira e interpretada por profesionais destacadas da escena galega, foi recoñecida co Premio Nacional de Literatura Dramática 2023, concedido á súa autora, un galardón que pon de manifesto a relevancia e a calidade desta proposta teatral.

A representación constitúe unha oportunidade para achegarse ao teatro galego e recuperar a memoria das mulleres que defenderon unha educación transformadora, reivindicando o coñecemento como instrumento de emancipación e progreso social.

Back to top button