
O xefe do Servizo de Infraestruturas e Arquitecturas Tecnolóxicas da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, Rubén Domínguez Carbajales, vén de recibir un dos premios á mellor tese de doutoramento na oitava edición dos Premios de Investigación, Transferencia e Divulgación Científica do Campus Auga da Universidade de Vigo, por un traballo centrado na aplicación da Intelixencia Artificial (IA) á detección e clasificación de lesións colorrectais durante as colonoscopias.
A investigación, titulada “Deseño dun sistema CAD en colonoscopia basado na aprendizaxe automática”, aborda o desenvolvemento de ferramentas informáticas capaces de analizar, en tempo real, as imaxes obtidas durante unha colonoscopia, identificar posibles pólipos e facilitar información sobre as súas características. O obxectivo é proporcionar aos especialistas unha ferramenta de apoio ao diagnóstico que contribúa á detección precoz de lesións, á mellora da precisión diagnóstica e á seguridade dos pacientes.
O recoñecemento distingue unha investigación que conecta directamente a enxeñaría informática coa práctica clínica, e celebra o potencial da estreita colaboración entre o Hospital Universitario de Ourense e a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus ourensán, para desenvolver solucións tecnolóxicas orientadas a necesidades asistenciais concretas.
Intelixencia artificial ao servizo do diagnóstico
A tese, dirixida polos doutores Miguel Reboiro Jato e Hugo López Fernández, enmárcase no proxecto de investigación PolyDeep, desenvolvido mediante a colaboración do grupo Sistemas Informáticos de Nova Xeración (SING) da Universidade de Vigo e o Grupo de Investigación en Oncoloxía Dixestiva (GIODO), vinculado ao Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur con sede no Hospital Universitario de Ourense.
O traballo establece un procedemento para desenvolver sistemas de diagnóstico asistido por ordenador (CAD), baseados en técnicas de aprendizaxe profunda, unha modalidade de intelixencia artificial que permite identificar patróns, mediante a análise de grandes cantidades de imaxes.
A súa aplicación á colonoscopia permite avanzar cara a sistemas capaces de sinalar ao especialista a presenza e localización de pólipos e ofrecer información sobre o tipo de lesión detectada, durante a propia exploración. Esta capacidade resulta especialmente relevante na prevención do cancro colorrectal, xa que moitos destes tumores se desenvolven a partir de pólipos, que poden identificarse e extirparse antes da súa evolución maligna.
A investigación permitiu a creación dun banco de imaxes e vídeos de colonoscopias, necesario para adestrar e perfeccionar os modelos de intelixencia artificial, así como a integración destas ferramentas cos equipos de endoscopia utilizados nos centros sanitarios.
O modelo desenvolvido foi aplicado no proxecto PolyDeep, dando lugar a un prototipo funcional que foi obxecto de avaliación clínica no marco de PolyDeepAdvance. O seu desenvolvemento abre posibilidades para mellorar a detección de lesións, apoiar as decisións dos especialistas e evitar procedementos innecesarios cando a precisión diagnóstica e a evidencia clínica o permitan.
A colaboración entre informática e medicina
A participación de Rubén Domínguez Carbajales neste proxecto, compaxinando a investigación coa súa responsabilidade á fronte dos sistemas de información da Área Sanitaria, exemplifica o papel que desempeñan os profesionais tecnolóxicos no desenvolvemento de novas ferramentas para a medicina.
A colaboración entre o Hospital Universitario de Ourense e a Escola Superior de Enxeñaría Informática permite combinar o coñecemento das necesidades clínicas coa capacidade de deseñar solucións informáticas, avaliar a súa viabilidade e adaptalas ás condicións reais de funcionamento dos centros sanitarios.
Neste ámbito, a innovación non consiste unicamente en desenvolver novos algoritmos, senón tamén en garantir que as ferramentas resultantes poidan integrarse nos equipamentos hospitalarios, utilizarse de maneira segura e achegar información útil aos profesionais responsables da atención aos pacientes.
A informática, imprescindible para o funcionamento sanitario
Máis alá da súa aplicación ao diagnóstico, as tecnoloxías da información constitúen hoxe un servizo central esencial para o funcionamento dos hospitais e dos centros de saúde. A actividade asistencial depende de sistemas informáticos que permiten organizar, coordinar e garantir a continuidade de procesos clínicos, administrativos e loxísticos.
O avance na implementación dos sistemas de información no Servizo Galego de Saúde está á vangarda a nivel nacional e europeo. Desde a citación de consultas, ata a programación dun quirófano, á dispensación de medicamentos ou o acceso á historia clínica, os sistemas informáticos interveñen en practicamente todos os procesos hospitalarios.
O seu ámbito de actuación abrangue tamén a xestión dos menús dos pacientes, o control das existencias de material sanitario, ás comunicacións, a planificación das compras e subministracións, os sistemas de farmacia hospitalaria, a organización dos recursos humanos e a elaboración das nóminas dos profesionais.
Dada a súa complexidade e extensión a Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras constitúense entorno a unha Subdirección de Sistemas e Tecnoloxías da Información e tres xefaturas de servizo: Infraestruturas e Arquitecturas Tecnolóxicas; da Área Clínica; e de xestión de Recursos Humanos e Económicos, para coordinar a multiplicidade de sistemas, programas e funcións. Trátase de procesos moi diferentes, pero estreitamente relacionados, cuxo funcionamento require sistemas fiables, dispoñibles e capaces de intercambiar información de maneira segura.
Neste contexto, os servizos de sistemas e tecnoloxías da información desempeñan unha función transversal, tanto no mantemento da actividade diaria, como na protección dos datos clínicos, na continuidade dos servizos e na incorporación de novas ferramentas que contribúan a mellorar a eficiencia e a seguridade asistencial.