
Unha persoa que estaba realizando labores de desbroce nunha zona situada entre Seadur e Larouco falecía no mediodía deste 21 de outubro, segundo informa o 112 Galicia, que recibía un aviso ás 12:10h. dun particular que solicitaba asistencia sanitaria para un home que fora picado por varias avespas.
De inmediato, dábase aviso á Garda Civil e ao GES de Valdeorras, así como a Protección Civil de Larouco e tamén se mobilizaba ao helicóptero do 061-Urxencias Sanitarias, con base en Ourense, pero finalmente a persoa resultaba falecida.
Segundo os datos achegados por Protección Civil de Larouco, as avespas puideron entrar pola careta do traxe e picaban a esta persoa na gorxa. Tamén se indica dende esta agrupación, que se tratou de reanimar a esta persoa, que se atopaba nunha zona de difícil acceso, durante 45 minutos, pero sen poder conseguilo.