
Despois de dous meses e medio percorrendo Valdeorras, o V NOVE chega á súa novena e última estación. O itinerario cultural que naceu en agosto co concerto de Susana Seivane no Castrillón de Larouco pecha este domingo a súa primeira edición en Rubiá, no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, cunha ruta (para a que quedan moi poucas prazas) dedicada á paisaxe e ao patrimonio apícola da serra da man de O Marquesado, apicultores desde 1896.
A xornada de clausura contará, segundo adianta a organización, coa presenza do director da Axencia Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, entidade que patrocina o V NOVE dentro do marco do Xacobeo 2027.
Coa ruta do mel péchase un percorrido que levou a cultura a lugares que nunca antes foran escenario: un castro en Larouco, as prazas da Rúa, unha praia fluvial na Veiga, unha ponte de orixe romana en Petín, o castelo de O Bolo, unha canteira de lousa en Casaio, a beira do Sil no Camiño de Inverno en Vilamartín, unha adega en Éntoma e, agora, a serra de Rubiá. Nove concellos, nove estacións e unha mesma idea: calquera espazo da comarca pode ser un escenario.
Da serra ao mel
A ruta comeza ás 11:00 h no Centro de Visitantes do Parque Natural, en Biobra, cunha explicación do parque duns 45 minutos: un dos espazos naturais máis singulares de Galicia, con aciñeiras, soutos e unha biodiversidade excepcional. Desde alí, o grupo trasladarase a Oulego, onde Antonia presentará a súa alvariza, unha destas construcións tradicionais de pedra que historicamente protexían as colmeas, nunha explicación de arredor de media hora. A visita remata en O Porto, nas instalacións de O Marquesado, con cata de mel.
Domingo 25 de outubro · saída ás 10:30 h desde O Barco de Valdeorras
10 €, con autobús de ida e volta e visita incluídos. Inscricións en contacto@vnove.es e en Ton y Son.