PolíticaÚltima hora

A deputada socialista Carmen R. Dacosta pide no Parlamento galego que o HPV recupere “a súa capacidade asistencial”

Facíao durante unha pregunta ao conselleiro de Sanidade na que tamén lle solicitaba unha base do 061 para a comarca

A parlamentaria socialista Carmen R. Dacosta./ Cedida.

 

A parlamentaria socialista Carmen Rodríguez Dacosta pedíalle hoxe no pleno do Parlamento de Galicia ao conselleiro de Sanidade que atenda á “demanda da veciñanza de Valdeorras para recuperar unha sanidade pública digna na comarca”. A responsable socialista presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento sobre “o desmantelamento da atención sanitaria na comarca de Valdeorras pola xestión do PP dende o goberno galego”.

Dacosta puxo enriba da mesa “as demandas das máis de 4.000 persoas que se manifestaron este pasado sábado, logo da recente protesta en Verín, en protesta pola perda de servizos sanitarios nunha zona abandonada polo goberno galego”. Advertiu de que “os recortes do goberno do PP provocan que máis de 30.000 veciños e veciñas de Valdeorras, Viana ou Trives perdan atención sanitaria e teñan que desprazarse a Ourense para recibir a atención que lles furtaron no seu hospital.”

E dixo que a atención sanitaria “non pode depender do código postal dos veciños e veciñas de Valderoras, obrigadas a desprazarse polos seus propios medios ao Hospital de Ourense, que no mellor dos casos está a hora e media por estrada, sen contar o tempo de espera nin a viaxe de regreso á casa.”

A parlamentaria socialista puxo o caso de Medicina Interna do Hospital de Valdeorras como exemplo da “desfeita deste servizo público, onde antes había dez médicos hoxe só teñen seis e coa ameaza de quedar en cinco, á marxe das xornadas nas que só puideron dispor de dous médicos para atender á hospitalización, ás consultas e o resto da actividade asistencial”.

Segundo a parlamentaria, “os problemas de cobertura esténdense ao resto de especialidades, mentres a Plataforma Sanitaria que está a convocar as mobilizacións reclama recuperar a capacidade asistencial, atención pediátrica, o reforzo da Hospitalización a Domicilio e unha praza estable de pneumoloxía nunha comarca vinculada á extracción e transformación da lousa”.

Ademais, pediulle “ao conselleiro que escoite aos milleiros de persoas que saíron ás rúas e que denuncian que os centros de saúde do Bolo, A Veiga e Rubiá perderon un médico cada un, con centros nos que a consulta médica diaria non está garantida e as ausencias dos profesionais quedan descubertas”.

Base do 061

Carmen R. Dacosta tamén lle pediu ao conselleiro que “garanta unha base do 061 con soporte vital avanzado para un distrito sanitario con máis de 30.000 habitantes nun territorio de máis de 1.400 quilómetros”. Advertiu que “vivir en Valdeorras non pode significar ter menos posibilidades de recibir atención sanitaria urxente” cando ten, dixo, “zonas do distrito no que se denunciaron esperas de ata 90 minutos para que chegue unha ambulancia”.

Back to top button