
ADEGA vén de presentar alegacións ao proxecto do parque eólico Ferromolín, previsto entre Vilamartín, O Barco e Oencia e promovido por Promoción Eólica Peninsular V, S.L. e sometido a información pública no BOE do pasado 21 de setembro. A asociación, que vén de emitir un comunicado ao respecto, solicita “unha declaración de impacto ambiental desfavorable para unha instalación que contempla seis aeroxeradores titulares, cinco posicións de reserva e unha liña de evacuación soterrada de 14,33 quilómetros. ADEGA considera que o estudo ambiental presenta importantes eivas na avaliación dos impactos sobre a biodiversidade, a conectividade ecolóxica, os recursos hídricos e o patrimonio, ademais de infravalorar os riscos asociados aos incendios forestais”.
O proxecto sitúase nun territorio afectado polo macroincendio de agosto de 2025, unha circunstancia que, segundo ADEGA, non se avalía de forma adecuada no estudo ambiental. A asociación denuncia que a análise do risco de incendio se apoia en normativa de 2007 e 2010, sen considerar axeitadamente as consecuencias do lume nin a vulnerabilidade actual dos terreos.
“A apertura de pistas e a execución das obras sobre solos desprovistos de vexetación poden agravar a erosión e favorecer o arrastre de cinzas e sedimentos cara aos cursos fluviais e aos núcleos de poboación da contorna”, sinala ADEGA, que advirte tamén de que “as novas infraestruturas poden facilitar a propagación dos incendios e comprometer a rexeneración natural do monte. A isto súmase a presenza dos aeroxeradores de case 200 metros de altura, que poderían dificultar a intervención dos medios aéreos de extinción”.
Especies protexidas e corredores ecolóxicos ignorados
Por outra banda, ADEGA cuestiona “a falta dunha avaliación rigorosa dos impactos sobre a fauna ameazada. En particular, denuncia as eivas na análise da presenza do lobo e do oso pardo, especies protexidas polo Convenio de Berna e pola Directiva Hábitats. O estudo descarta a presenza do oso apoiándose en plans de recuperación de 1990 e 1992, unha xustificación que a asociación considera insuficiente para avaliar a situación actual da especie e a súa posible presenza na zona”.
A poligonal do parque sitúase, ademais, prosegue a organización ecoloxista “na área de campeo da única parella reprodutora de aguia real da provincia de Lugo”, polo que ADEGA alerta “dos riscos que a instalación podería supoñer para esta especie. Tamén sinala deficiencias no estudo dos morcegos, que non seguiría as directrices técnicas de SECEMU e Eurobats ao aprazar a mostraxe acústica en altura para unha fase posterior á autorización do proxecto”.
Outro dos aspectos que ADEGA considera “inaceptable é a falta de análise da Infraestrutura Verde de Galicia. Segundo a cartografía oficial da Xunta, cinco dos seis aeroxeradores previstos sitúanse dentro do denominado Corredor Terrestre e o sexto no seu límite norte. Malia esta coincidencia, o estudo ambiental non avalía axeitadamente as consecuencias para a conectividade ecolóxica nin presenta alternativas que permitan reducir os impactos”.
Un modelo eólico alleo á realidade do rural
Finalmente, ADEGA advirte de que “o estudo non avalía suficientemente as consecuencias do proxecto sobre os montes veciñais, a xestión forestal, os soutos de castiñeiros, a gandería extensiva e a actividade turística. Son usos e aproveitamentos que sustentan a economía e a vida das comunidades rurais e que poden verse comprometidos pola ocupación do territorio e a transformación da paisaxe”.
Por todo isto, ADEGA solicita que “se denegue a autorización do parque eólico Ferromolín e que se formule unha declaración de impacto ambiental desfavorable”. A asociación reclama que “a implantación de novas infraestruturas enerxéticas non se faga á custa da biodiversidade, do patrimonio e dos usos tradicionais do monte, especialmente nun territorio que aínda afronta as consecuencias dun dos grandes incendios forestais recentes”.