
Na mañá do xoves 22 de outubro o Auditorio Municipal de Ourense acollía o acto de entrega de premios da I edición do concurso de debuxo “Todos á San Martiño-Veolia”. Unha iniciativa que recoñece as 20 mellores creacións realizadas por escolares de Educación Primaria (5º e 6º) e Secundaria (1º e 2º) da cidade, inspiradas na emblemática cita deportiva ourensá. Ao acto asistiron o alcalde Gonzalo Pérez Jácome, e os concelleiros de Deportes, Aníbal Pereira, e de Educación, Tamara Silva, xunto coa xerente de Veolia en Ourense, Paula Díaz, e representantes dos grupos políticos municipais.
O alcalde subliñou o papel fundamental da participación infantil no éxito da proba: “A San Martiño é a carreira máis antiga e con máis participantes de Galicia, precisamente grazas a vós, os nenos e as nenas. En adultos competimos con outras carreiras, pero é na categoría infantil onde máis claramente lles gañamos a todas. Moitas grazas porque vós facedes da San Martiño a carreira máis grande de Galicia”.
Impulso á carreira escolar
A San Martiño forma parte do legado inmaterial de Ourense, e o Concello quere que este patrimonio teña continuidade, polo que organiza actividades, como este certame, para darlle visibilidade e seguir impulsando a carreira escolar, na que xa participan milleiros de nenos e nenas. Neste caso, a través dun concurso no que o alumnado amosa o que lle inspira este evento, poñendo en común os seus traballos nesta gala.
Os vinte traballos seleccionados terán un protagonismo moi especial na vindeira cita atletica, xa que se empregarán para sinalizar os puntos quilométricos cada 500 metros ao longo do percorrido. Os e as artistas foron agasallados cun equipamento deportivo conmemorativo e os seus centros educativos recibiron un vale canxeable por material deportivo.
A selección das obras gañadoras correu a cargo dun xurado que se reuniu o día 15 de outubro, composto por Elena Guevara (artista plástica), Julio Fernández Pérez (fundador da carreira), Eva Torres (directora de espazos expositivos) e Sara Dacal (coordinadora de programas educativos). Tras valorar os 220 traballos presentados, de 9 centros, o xurado destacou a alta calidade e a creatividade das propostas e outorgou os premios.
Referentes do atletismo para inspirar a infancia
A gala incluiu unha charla motivacional orientada a transmitir ao alumnado os valores do deporte e a vinculación histórica desta proba coa cidade, coa participación de figuras de primeiro nivel:
- Alejandro Fernández: Atleta local con 6 vitorias na San Martiño, referente do atletismo ourensán e lenda desta carreira.
- Esther Navarrete: Atleta galega, olímpica en París 2024 na proba de maratón, campioa de Europa por equipos en media maratón en 2025 e tres veces gañadora da San Martiño, que recoñece que é a súa segunda casa.
- Alice Finot: Lenda do atlestismo europeo, campioa de Europa en 3.000 metros obstáculos en Roma, subcampioa europea en 3.000 lisos en pista cuberta, récord de Europa e cuarto posto olímpico en París 2024.
- Julio Fernández Pérez: Fundador e alma máter da carreira, emblema do deporte e da educación na cidade, quen expuxo as orixes e as moticacións que levaron a desenvolver esta carreira.
Inscricións abertas
A carreira popular chegará á súa edición número 49 o domingo, 9 de novembro, con novidades destacadas, como o percorrido, un importante aumento nos premios económicos e o reforzo da implicación dos centros educativos.
O prazo de inscrición está aberto en https://carreirasgalegas.com/events/xlix-carreira-pedestre-popular-do-san-martio/V9LyyPjJ
Gañadores do concurso de debuxo “Todos á San Martiño-Veloia”
CPR CARDENAL CISNEROS:
- Cristóbal Angulo Beomont5 º EP
- Aric William I Vásquez Quiroz- 6º EP
CEIP ALBINO NUÑEZ:
- Valeria Rodríguez Rodríguez- 5º EP
- Izan Rodríguez Rodríguez- 6º EP
CEIP IRMÁNS VILLAR:
- Caetana López Pérez- 5º EP
- Mara S. R.- 5º EP
CEIP O COUTO:
- Kevin Rodríguez Vázquez- 6ºEP
CPR PADRE FEIJÓO:
- André Conde Iglesias- 2º ESO
- Nihad Aboufaris El Khadin- 2º ESO
- Mohamed Errahali- 6º EP
CEIP MIRAFLORES:
- Sofía González Vázquez- 5º EP
- Irati Miranda García- 5º EP
CEIP VISTAHERMOSA:
- Luz Ainoa Ercicia Yucra- 5º EP
- Mª Concepción Jiménez Jiménez- 5º EP
CPR GUILLELME BROWN:
- Estela Campo Rodríguez- 1º ESO
- Sara Arias Sotelo- 1º ESO
- Ainhoa Conde Vázquez- 1º ESO
CPR LUIS VIVES:
- Valeria Fernández Rodríguez- 6º EP
- Evelyn Jamardo Rivero- 1º ESO
- Évnika Reushkina- 1ºESO