EconomíaEconomíaÚltima hora

Rueda resalta os desafíos comúns que comparten Galicia e Castela e León como a vivenda, a mellora das infraestruturas e o reto demográfico

O presidente do Goberno galego conversaba co seu homólogo de Castela e León no Foro Ancares, celebrado este venres en Ponferrada

 

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que Galicia e Castela e León comparten desafíos comúns en ámbitos estratéxicos, como a mellora das infraestruturas do noroeste ou o reto demográfico. Para facerlles fronte, apostou por seguir mantendo o clima de colaboración e diálogo que sempre ten caracterizado a relación entre ambas comunidades autónomas.

 

 

Así o sinalou durante a súa participación no Foro Ancares, un encontro organizado por El Progreso e Diario de León, no que conversou co seu homólogo na comunidade veciña, Alfonso Fernández Mañueco.

 

 

Na súa intervención, o titular do Executivo autonómico fixo fincapé na importancia de contar cunhas infraestruturas eficientes para garantir a competitividade das rexións. Cómpre recordar, neste sentido, que están pendentes de desenvolvemento iniciativas estratéxicas como o Corredor Atlántico, que afecta a ambos territorios.

 

 

Tamén se referiu a outro desafío común que une ás dúas comunidades: o reto demográfico. “Temos unhas características de poboación similares e hai que manter os servizos básicos e actuar contundentemente en problemas como o da vivenda, tamén no rural”, indicou Rueda, ao tempo que sinalou que “hai que construír para dar resposta a ese déficit actual que existe e facilitar tamén que outros a constrúan favorecendo o solo, ademais de mobilizar ese enorme parque de vivenda baleira”.

 

 

Así mesmo, o presidente da Xunta avogou por “coidar esa xoia da coroa que temos que é a sanidade pública, optimizar os recursos e saber que cada vez vai ser máis demandante porque cada vez vivimos máis”.

 

 

Na conversa, ambos presidentes autonómicos tamén abordaron outros asuntos de interese para os dous territorios como o sistema educativo, ou o financiamento. Sobre este último punto, cómpre recordar que Galicia e Castela e León manteñen unha liña de demanda común, recollida na Declaración de Santiago asinada en 2021 por un total de 8 comunidades.

 

 

Por último, Alfonso Rueda tamén destacou a “gran oportunidade” que vai supoñer o próximo Ano Xacobeo, xa que actuará “como escaparate non só de Galicia, que é o final do Camiño, senón de todos os territorios polos que pasa”, facendo alusión de que precisamente Ponferrada actúa de “lanzadeira, xa que moita xente comeza aquí o Camiño”.

Fotos: O SIL.

 

Back to top button