
Expourense ofrece esta fin de semana 415 oportunidades de atopar o coche idóneo, con aforro, todas as garantías, facilidades de financiamento e entrega inmediato. Os 20 concesionarios ourensáns que participan chegan ao 17º Salón do Automóbil – Vehículo de Ocasión con optimismo, despois dos excelentes resultados de público e vendas da fin de semana anterior, correspondente ao Salón do Vehículo Novo, no que se rexistraron ao redor de 6.000 visitas e vendéronse un total de 171 coches novos. Os expositores esperan superar eses datos durante esta fin de semana.
Trátase dunha cita coorganizada por Expourense e a Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Ourense (ACAUTO), coa colaboración da Deputación Provincial de Ourense, na que participan 20 expositores que presentan unha ampla mostra de vehículos de 31 marcas con interesantes vantaxes. O presidente de ACAUTO, César Fernández, explicou esta mañá que “o mercado de ocasión é a opción máis buscada polos compradores. Por cada vehículo novo véndense en Galicia tres de ocasión. Quen necesite cambiar de coche quere rapidez e facilidades. O coche de ocasión é a opción perfecta: entrega inmediata e todas as garantías a menor prezo”.

O Salón do Vehículo de Ocasión é unha cita esperada polo público, xa que, pouco despois de abrir as súas portas esta edición, xa se vían os primeiros carteis de «Vendido». «O visitante deste salón ten moi claro o que quere, está realmente interesado e vén con clara intención de compra. Convén vir canto antes, porque é a mellor forma de atopar o coche que buscas ou necesitas antes de que se venda. Só hai unha unidade de cada coche exposto e vir pronto garante ter máis onde elixir», informan desde ACAUTO. A asociación reuniu hoxe a boa parte da súa xunta directiva para facerse unha foto de familia no recinto, nunha cita que coincide co 30º aniversario da entidade.
Nun percorrido polo salón poden atoparse vehículos que van desde un Citroën C3 diésel de 2015, con 94.000 quilómetros, por 6.900 euros, ata un Mercedes GLC 400 100% eléctrico de 2026, con 3.000 quilómetros, por 72.900 euros. Con todo, é a partir dos 15.000 euros cando a gama de vehículos dispoñibles nesta cita amplíase considerablemente, aínda que tamén poden atoparse coches de menor prezo.

Polo que respecta á compra dun vehículo de ocasión, desde ACAUTO recomendan acudir sempre a profesionais, xa que estes ofrecen unhas garantías que non existen nas transaccións entre particulares. Por lei, os profesionais deben ofrecer un ano de garantía total nos vehículos de ocasión, aínda que moitas empresas amplían este prazo ata dous anos ou máis no caso dos seminuevos (de cero a tres anos). As garantías dos coches adquiridos neste salón son moi similares ás dos vehículos novos, xa que “as marcas están a traballar para profesionalizar o mercado de ocasión e case todas teñen a súa propia división de vehículos de ocasión. A transparencia que hai na actualidade na venda de ocasión non a hai habido nunca”, explican.
Como incentivo para animar aos visitantes para axilizar o proceso de decisión, a organización volverá sortear un bono desconto de 6.000 euros entre quen peche a compra dun automóbil durante esta fin de semana. O importe descontarase do prezo do vehículo adquirido e supón o maior desconto realizado en feiras deste tipo en Galicia. A cantidade será achegada conxuntamente por ACAUTO e Expourense. Ademais, os coches que ACAUTO venda neste salón tamén se incluirán no cómputo das unidades polas que se realizará unha achega a Cáritas.

O horario do 17º Salón do Automóbil-Vehículo de Ocasión será mañá sábado, de 10 a 20:30 horas, e o domingo, de 11 a 20h. O prezo da entrada é de 3 euros, con acceso gratuíto para os menores de ata 12 anos. A cita conta, ademais, cun servizo gratuíto de ludoteca infantil.