OurenseÚltima hora

A Policía Nacional e Policía Local de Ourense levan a cabo un dispositivo nun local de lecer nocturno da cidade

No dispositivo tamén participou de xeito coordinado a Inspección de Traballo

 

Axentes da Policía Nacional e da Policía Local de Ourense levaban a cabo na madrugada do pasado día 18 de outubro un dispositivo policial conxunto de inspección nun local de lecer nocturno, situado no centro da cidade das Burgas.

Os axentes pertencentes á Brigada Provincial de Seguridade Cidadá (UPR), así como da Brigada Provincial de Estranxeiría e Fronteiras que participaron no dispositivo, levaron a cabo os labores de identificación e inspección pertinentes e constataron a presenza de dous menores de idade no interior do establecemento.

As actuacións policiais que se levaron a cabo durante o operativo, derivaron tamén na formulación de varias propostas de sanción por tenencia de substancias estupefacientes.

Durante o operativo revisáronse distintos aspectos relacionados coa actividade, a seguridade e as condicións do establecemento formulando a Policía Local 24 actas e denuncias por posibles incumprimentos da normativa aplicable, no seu ámbito competencial, actuacións documentadas que se remitirán polos procedementos correspondentes para a súa valoración polos órganos competentes, segundo informa a Policía Nacional.

A estreita colaboración e coordinación entre a Policía Nacional e a Policía Local de Ourense no desenvolvemento deste tipo de operativos “forma parte dos diferentes plans de prevención da delincuencia, mediante os cales se pretende, entre outros obxectivos, evitar o consumo ou a tenencia de substancias estupefacientes en lugares ou establecementos abertos ao público, así como a inspección e detección de calquera outro tipo de infracción que se cometa na contorna dos locais de lecer nocturno da cidade”, segundo a Policía Nacional.

Back to top button