O Merendoiro, programa promovido pola concellaría de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade a través de Outonía S. Coop. Galega, aposta pola descuberta do patrimonio de Valdeorras a través do sendeirismo, para o peche definitivo desta actividade.
O programa de lecer alternativo e creativo, levará a cabo unha ruta o vindeiro sábado día 7 de novembro, polas pinturas rupestres de Pala de Cabras e pola contorna do río Xil, no municipio de Carballeda de Valdeorras. “A proposta pretende demostrar que o ocio tamén pode ser unha oportunidade para descubrir o territorio, coñecer o patrimonio máis próximo e compartir experiencias diferentes”, explican dende a organización, asegurando que neste caso, “o sendeirismo convértese nunha ferramenta para achegar á mocidade a riqueza natural e cultural de Valdeorras e da contorna de Pena Trevinca, ao tempo que se fomenta unha relación máis respectuosa co medio”.
Ideado por Outonía Sociedade Cooperativa, co apoio do Concello do Barco de Valdeorras, o Merendoiro aposta por actividades que amplían as opcións de lecer da mocidade e facilitan a súa participación en experiencias enriquecedoras. Todas as propostas do programa son gratuítas para as persoas participantes, eliminando así a barreira económica, e tratando de favorecer o acceso a alternativas de ocio saudables e participativas.

A proposta
A ruta estará impartida por Rutas Xanzá e desenvolverase entre as 9 e as 17 horas, cun percorrido aproximado de 4,1 quilómetros e un desnivel positivo de 396 metros. Contará con 16 prazas e o punto de encontro e chegada estará situado no Concello do Barco.
“A organización facilitará transporte para oito persoas, mentres que as restantes deberán acudir en transporte propio ata Casaio”, adiantan, explicando que as inscricións realizaranse a través do formulario dispoñible no perfil do Merendoiro.
Esta actividade, que tivera que ser aprazada durante o verán debido ás vagas de calor, servirá para pechar a programación do Merendoiro cunha experiencia que combina lecer activo, descubrimento e sensibilización ambiental.