
A vila de Quiroga vivirá este decembro da man da Concellería de Turismo, un “Soño de Nadal”. Trátase dun proxecto no que por primeira vez unha boa parte dos espazos públicos da vila quiroguesa estarán decorados para desfrutar das festas de Nadal.
Haberá varios puntos estratéxicos nos que se concentrará a maior parte da decoración: a praza España, a praza da rúa Lago, a praza Maior, os xardíns da entrada de Quiroga e o merendeiro do parque da Constitución. Trátase dunha experiencia inmersiva que combina natureza, narrativa, tradición e participación cidadá, onde o visitante recorra as diferentes zonas ambientadas no Nadal. Luces nas árbores, decoración nas prazas con diferente temática, … todo un recorrido que se poderá facer de día pero especialmente de noite, cando a iluminación cobre protagonismo.Ademais do recorrido pódense recoller pistas e participar nas actividades que se propoñen para rematar obtendo un agasallo final na “Fábrica dos Soños”.
Este proxecto busca a colaboración de diferentes sectores da poboación que contribúan a que con este Nadal máis “luminoso” e diferenciador, Quiroga sexa un destino turístico. Entre estes sectores estaría o comercio, o CEIP de Quiroga ou o departamento da muller, impulsado polo CIM, que xa comezou a súa colaboración para a decoración de Nadal no que participa unha ducia de mulleres.
Soño de Nadal conta cun orzamento de 22.627 euros aportados pola Deputación Provincial de Lugo tras a firma dun convenio co Concello de Quiroga no pasado mes de xullo. Vicente Parra, Concelleiro de Turismo, destaca a finalidade do proxecto de dinamizar social e económicamente ao concello e á comarca de Quiroga durante o Nadal, promovendo a convivencia veciñal e o apoio ao comercio e á hostalaría local; ademais de favorecer a participación veciñal e a promoción do territorio.