
O “Laboratorio de Innovación Aplicada de San Xoán de Río” busca reunir 25 negocios e proxectos emprendedores para traballar sobre retos reais e descubrir oportunidades de colaboración entre sectores. Baixo o lema “Trae un reto. Dálle forma. Pon a proba a túa idea”, o programa achega experiencia internacional en deseño e desenvolvemento de produtos ao tecido empresarial rural. O propósito é reforzar a competitividade dos negocios e a súa capacidade para explorar novos mercados, partindo dos coñecementos, dos oficios e dos recursos que xa existen no territorio.
A iniciativa está impulsada por “The Last Puzzle Piece”, empresa británica con ADN galego fundada e dirixida polo coruñés Erik Rodríguez Vázquez. O seu nome —«a última peza do quebracabezas»— resume o espírito do encontro: “a peza que lle falta a un negocio pode estar na experiencia doutro. Conectar esas capacidades co coñecemento adquirido fóra de Galicia permite abrir novas posibilidades desde aquí”, din os promotores da iniciativa.
Durante catro encontros presenciais e gratuítos, os participantes definirán un reto propio, compartirán ideas e traballarán nunha primeira proposta ou prototipo que poidan contrastar con posibles usuarios ou clientes.
O laboratorio conta co seguimento institucional da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, e coa colaboración do Concello de San Xoán de Río.
As sesións celebraranse en San Xoán de Río os venres 30 de outubro e 6, 13 e 20 de novembro, de 9:00 a 14:00. A convocatoria está aberta a empresas, persoas autónomas e emprendedoras que queiran avanzar nun reto de produto, tecnoloxía ou servizo.