Fieis á cita outonal na noite do venres 23 de outubro tiña lugar unha intensísima xornada musical, como vén sendo tradición, no Esconditte Inglés da Rúa. “Da man de Santi e Vero como excelentes anfitrións puidemos poñer en directo o traballo de local varios artistas de AMaVA”, indican dende a Asociación de Música Alternativa de Valdeorras, explicando que entre os máis mozos solistas contaron con Iria, “soa ante o perigo tan só defendida pola súa guitarra nos seus dous primeiros temas que o público coñeceu enseguida e coreou con enerxía El Sitio de mi Recreo ou Lo Echamos a Suertes que non deixaron a ninguén indiferente”, aseguran. Logo subiría con ela ao escenario o seu compañeiro Enzo que segue en plena forma vocal.
A seguinte en actuar era a representante de AMaVA en La Voz Kids, Lúa, con impresionantes interpretacións en inglés e unha posta en escena “admirable” onde se vai notando “unha importante evolución e unha madurez que aínda ten moitas sorpresas que dar”, aseguran con orgullo dende a asociación.
logo xa foron subindo os máis veteranos, aínda con ganas de pasalo ben e facer que o público tamén desfrute: Sory con Ramón, Gemma, Miri e Óscar interpretaron Rolling in the Deep, Zombi e Proud Mary de Tina Turner “esta cun saxofonista de excepción, Manu, que veu desde Ourense para a ocasión cousa que agradecemos enormemente”, din dende AMaVA, engadindo que parte de El Patio de Leni completados con Gemma ao baixo, Ramón á batería e Fran Mapa de Ms. Fine á guitarra, tocaron varios coñecidos clásicos do pop rematando con Miña Terra Galega coreado por todo o público.
A guinda da noite poñíana os kZ Angels acompañados por Manilo á guitarra en dous temas Kids Aren’t Allright e In Bloom. “Este grupo que é o máis nobel da Asociación está a despuntar pola súa desbordante enerxía e a súa entrega no escenario que fan contaxiarse ao público da súa boa música”, din dende AMaVA, concluíndo que foi “unha nova noite para o recordo e un evento como toda a música que se fai en directo… irrepetible” e convidando ao público cun “Vémonos na seguinte…”

Fotos e vídeos cedidos.