SanidadeÚltima hora

Mesas informativas polo Día galego sen fume nos centros de saúde do Barco, Trives e O Carballiño

A vacinación e a prevención do tabaquismo centran as actividades comunitarias esta semana

 

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras programa esta semana cinco actividades das Escolas de Saúde, con dúas sesións sobre vacinación na idade adulta e tres mesas informativas con motivo do Día Galego sen Tabaco, que se conmemora o 31 de outubro.

O persoal de enfermería da Valenzá impartirá a charla «A importancia de vacinarse na idade adulta. Desmontando mitos e bulos» na Asociación de Bentraces, o mércores 28, e na Asociación de Piñor, o xoves 29, en ambos os casos ás 10.30 horas.

As mesas informativas sobre tabaquismo comezarán o mércores 28, ás 10.00 horas, no centro de saúde do Carballiño, coa participación de profesionais de enfermería familiar e comunitaria e unha residente desta especialidade. O venres 30 celebraranse outras dúas: ás 11.00 horas no centro de saúde da Pobra de Trives, a cargo das enfermeiras Patricia e Eva, e ás 11.30 horas no centro de saúde do Barco, coas enfermeiras Laura Iglesias Miguélez e Susana Fernández León.

 

Exterior do Centro de Saúde de Trives./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Apoio para deixar de fumar

O Día Galego sen Tabaco enmárcase no Plan Inspira Saúde 2023–2027 e promove a sensibilización sobre os riscos do consumo, a protección fronte á exposición ao fume e o abandono do tabaco. Estas actividades achegan á poboación información sobre a prevención do tabaquismo e os recursos para deixar de fumar.

As persoas que queiran deixar o tabaco poden solicitar axuda no seu centro de saúde, onde os profesionais sanitarios ofrecen orientación e apoio para iniciar o proceso. O Sergas dispón, ademais, dun programa de apoio á cesación tabáquica —o abandono do consumo de tabaco— con materiais como «Vou deixar de fumar!» e «Xa non fumo!», dirixidos a preparar ese paso e manterse sen fumar.

Back to top button