OurenseÚltima hora

A Policía Local de Ourense axuda a unha muller en perigo nunha zona de vías ante a chegada dun tren

 

“A rápida actuación da Policía Local de Ourense permitiu salvar a vida dunha muller que se atopaba nunha zona de vías ferroviarias, nas inmediacións do viaduto que comunica os barrios das Lagoas e A Ponte, nun momento no que estaba prevista a chegada dun tren á estación de Ourense”, aseguran dende o Concello.

Os feitos ocorreron durante a mañá do luns, 26 de outubro, cando a Policía Local recibiu un aviso alertando da presenza dunha persoa que accedera a área ferroviaria desde as inmediacións da rúa Manuel García. Ante a posible situación de perigo, mobilizáronse inmediatamente dúas patrullas da Policía Local e unha dotación da Policía Nacional, ao tempo que se deu aviso ao servizo de seguridade de ADIF para coordinar a intervención.

Unha vez no lugar, os axentes localizaron a muller na zona de vías, á altura do barrio da Ponte. Ante esta situación, dous axentes da Policía Local accederon á zona ferroviaria e lograron retirar a muller ata un lugar seguro, evitando que continuase exposta ao perigo derivado do tránsito ferroviario.

Tras a intervención, e debido ao estado no que se atopaba a persoa, solicitouse asistencia sanitaria. Os profesionais médicos desprazados ao lugar realizaron unha primeira valoración e determinaron o seu traslado ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) para recibir atención. Polo momento, descoñécense as circunstancias concretas que motivaron a presenza da muller no espazo ferroviario.

 

Back to top button