Na tarde do luns 26 de outubro, o salón de actos da RFGF en Ourense, acollía a “Xornada Afiador: Homenaxe, Tecnoloxía e Táctica Futbolística” organizada pola Asociación Ourensá de Adestradores de Fútbol.
O acto comezaba coa homenaxe a un total de 22 encargados de material e auxiliares do fútbol provincial. Algúns xa falecidos, outro que non podía asistir e o resto recollían orgullosos o recoñecemento, entre eles o ourensán Constantino Fernández Puga, colaborador do Periódico O SIL; e o trivés Victoriano Caneda Méndez.

“Victoriano é e seguirá sendo parte da nosa familia, unha desas persoas que deixan pegada polo seu compromiso, a súa dedicación e o seu amor polo fútbol”, aseguran dende o CD Trives de cuxa directiva forma parte, recibindo o recoñecemento “á súa dilatada traxectoria, adicación e compromiso co fútbol provincial, así como o seu encomiable labor como encargado de material. Pola súa cercanía, trato humano, xenerosidade e constante disposición para facilitar o labor dos adestradores, contribuíndo de xeito silencioso, pero imprescindible, ao crecemento e bo funcionamento do noso fútbol ao longo do tempo”.

A xornada incluía unha ponecia técnica a cargo de Jorge Cuesta, adestrador do Ourense CF, que recibía a figura de Afiador como agradecemento pola súa participación; e unha petiscada.
Fotos cedidas.