A Asociación Sociocultural Boca do Monte, entidade afincada na aldea dos Anguieiros, na parroquia de Montefurado (Quiroga), celebra a súa Xornada Castañeira que este ano chega á súa décima edición.
A actividade, que terá lugar o sábado 31 de outubro, busca “poñer en valor a castaña como produto a recuperar no rural, e o magosto como manifestación de socialización e festiva arredor deste produto”, explican dende a organización, adiantando que o programa combina unha parte divulgativa con outra participativa e de socialización na que a música e o asado de castañas son, xunto cos veciños da aldea e da contorna, os protagonistas.
De 12 a 13h. haberá unha charla divulgativa sobre o aproveitamento da castaña a cargo da empresa Delicias do Souto de Folgoso do Courel. “Unha representante da empresa compartirá cos asistentes a súa experiencia na transformación da castaña como saída comercial ao aproveitamento deste produto outonal. Así, coñeceremos os seus produtos estrela: a torta de castaña Courelá, e as galetas de castaña Morriñas.

Ás 18h. será a quenda do obradoiro de decoración de cabazas de Samaín e visita a caniceiras. “Os e as máis novos/as decorarán, con axuda de familia se fose preciso, cabazas que despois ambientarán o magosto popular con candeas dentro que as iluminarán na oscuridade da noite. Tamén se ensinarán algunhas caniceiras que se conservan nos Anguieiros (coñecidas como sequeiros noutros lugares) para coñecer como se secaban as castañas anos atrás”.
E xa ás 20h. comezará o Magosto coa preparación das castañas e acendido do lume para comezar co asado das mesmas. Haberá petiscos, viño e doces para acompañar coas castañas asadas, co acompañamento musical do grupo tradicional de Quiroga, O Recanto.
Esta actividade conta coa axuda económica da Área de Cultura da Deputación de Lugo.