En portadaÚltima hora

O Servizo de Aparato Dixestivo da Área Sanitaria ourensá anima a participar na IX Carreira e Andaina de Vilamartín contra o cancro de páncreas

Segundo os últimos datos do Rexistro Galego de Tumores (REGAT), en Galicia rexistranse 556 casos de cancro de páncreas, deles 66 en Ourense

 

O Servizo de Aparato Dixestivo da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras anima a participar, o domingo 15 de novembro, na novena edición da Carreira das Cidades contra o Cancro de Páncreas de Vilamartín de Valdeorras, organizada pola Asociación Cancro de Páncreas de Valdeorras (ACAPAVAL) co obxectivo de recadar fondos para a investigación desta enfermidade.

Segundo os últimos datos publicados polo Rexistro Galego de Tumores (REGAT), que se coordina precisamente desde o Hospital Universitario de Ourense, en Galicia rexistráronse 556 novos casos de cancro de páncreas, 66 deles na Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras.

O cancro de páncreas adoita detectarse en fases avanzadas porque ao principio pode causar síntomas pouco específicos, como molestias na parte alta do abdome, perda de apetito ou perda de peso sen causa aparente. Estas manifestacións tamén son frecuentes noutras doenzas, o que dificulta sospeitar deste tumor. A dificultade para detectalo cando aínda é operable explica a importancia de seguir investigando, tanto en liñas de diagnóstico precoz como en novos tratamentos.

O apoio de Valdeorras á investigación

A carreira de Vilamartín naceu en 2018 do compromiso de Eva Iglesias, Belén Gómez e Patricia Iglesias, fundadoras de ACAPAVAL, tras perder a ser querido por un cancro de páncreas, secundando así unha iniciativa que comezara en 2015 en Alicante e Las Rozas (Madrid), para dar visibilidade á enfermidade e recadar fondos para investigación.

A iniciativa pronto recadou o apoio colectivo de toda Valdeorras. A colaboración da veciñanza, o comercio local, as empresas e as institucións de toda a comarca permiten manter a cita e cubrir os gastos de organización. Así, o 100 % do importe das inscricións destinase ás bolsas Carmen Delgado/Miguel Pérez-Mateo da Asociación Española de Cancro de Páncreas , que financian proxectos de investigación sobre este tipo de cancros, mediante unha convocatoria conxunta da Asociación Española de Gastroenteroloxía e a Asociación Española de Pancreatoloxía. A edición de 2025 da carreira de Vilamartín reuniu 951 inscricións e recadou 20.000 euros que se suman aos 1.461.000 euros destinados a 20 proxectos de investigacion a nivel nacional.

Desde 2018 a iniciativa conta co apoio decidido do Servizo de Aparato Dixestivo da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, e moi especialmente de María Francisco González, especialista do Hospital Universitario de Ourense, membro da Unidade Bilio-Pancreática xunto con Laura Rivas, Victoria Sánchez e Manuel Puga.

O servizo participa masivamente na cita de Vilamartín, a que se suma tamén un gran número de profesionais do Hospital Público de Valdeorras e de Atención Primaria, aunando compromiso coa investigación e unha saudable xornada disfrutando da andaina e da natureza, nun percorrido único. A presenza de Valdeorras como única representante galega no calendario estatal, muda este ano coa incorporación por vez primeira a esta iniciativa de Vigo e Santiago de Compostela, co que Galicia pasa a contar con tres sedes da carreira.

Inscrición e participación na andaina ou carreira

A inscrición pode formalizarse ata o xoves 12 de novembro na web oficial da carreira ou presencialmente ata ese día, dentro do horario comercial, nos locais de Cool Balea, na Rúa; Deportes Trisport, Garoba, Montglam, N37, Pizpireta e Ton y Son, no Barco de Valdeorras; Librería Teresita e Trastos, en Rubiá, e Fimar Consultores, en Vilamartín.

A carreira, de 13 quilómetros, e a andaina de 11,5 quilómetros sairán ás 10.00 horas, mentres que a andaina de 7 quilómetros comezará ás 10.30 horas. As tres modalidades terán a saída e a chegada no pavillón polideportivo da zona recreativa do Bañadoiro. Os dorsais poderán recollerse no pavillón o sábado 14 de novembro, de 12.00 a 17.00 horas, e o domingo 15, de 8.30 a 10.00 horas.

Como en a anos anteriores as persoas que desexen colaborar e non podan acudir a Vilamartín poden colaborar co dorsal 0 ou participando na carreira virtual.

Back to top button