
Durante a madrugada do domingo día 1 de novembro, celebración da festa de “Halloween” desenvolvida polo Concello de Ourense, o Subsector de tráfico da Garda Civil implementou diversos controis nos arrabaldes da capital, ao obxecto de previr e interceptar aos condutores que consumisen alcol e/ou drogas.
Realizáronse 1.274 probas entre os diferentes puntos, co resultado de 36 excesos no consumo de alcol e de 4 condutores con presenza de drogas no organismo, pendentes estes últimos do resultado do laboratorio homologado.
“Un condutor superou as taxas penais, arroxando un resultado nas probas de 0,84 e 0,80 mg/l en aire expirado. Así mesmo, outros 3 condutores foron investigados penalmente por conducir sen permiso de condución, ben por non obtelo nunca ou por facelo cando o tiñan suspendido, tanto xudicial como administrativamente, tal e como informa a Garda Civil.
Consecuencias legais
Os denunciados administrativamente débense enfrontar agora ao pago dunha sanción, segundo a taxa arroxada no caso do alcol, de entre 500 e 1.000€, así como a detracción de entre 4 e 6 puntos. No caso das drogas a sanción imposta será en todo caso de 1.000€ e 6 puntos de detracción no permiso de condución. A maiores, moitos dos condutores viron como o seu vehículo quedaba inmobilizado ao non dispoñer de condutor alternativo.
Doutra banda, os condutores cuxas condutas tiveron relevancia penal, deberán asumir un proceso xudicial, onde poderán ser condenados á pena de prisión de tres a seis meses ou con la de multa de seis a vinte e catro meses ou con la de traballos en beneficio da comunidade de trinta e un a noventa días, e, en calquera caso, con la de privación do dereito para conducir vehículos de motor e ciclomotores por tempo superior a un e ata catro anos.
Consellos e recomendacións
A Agrupación de Tráfico da Garda Civil lembra que o alcol e as drogas son incompatibles coa condución. A única taxa segura de alcol ao volante é 0,0. Mesmo pequenas cantidades poden alterar a capacidade de reacción, diminuír a atención e afectar á percepción do risco.
Ademais, lémbrase que “non se debe conducir baixo os efectos de substancias estupefacientes. O seu consumo altera as capacidades psicofísicas necesarias para conducir con certeza, poñendo en perigo tanto ao propio condutor como ao resto de usuarios da vía”.
Débense de planificar os desprazamentos con antelación. Se se ten previsto consumir alcol ou drogas, é imprescindible utilizar medios de transporte alternativos, como o transporte público, o taxi ou contar cun condutor que non consumise ningunha destas substancias.
Hai que evitar poñerse ao volante se non se está en condicións de conducir. Non existen trucos nin remedios caseiros que aceleren a eliminación do alcol ou as drogas do organismo. O café, as duchas frías ou durmir unhas horas non garanten unha condución segura.
Non permitir que outras persoas conduzan baixo os efectos do alcol ou as drogas. A responsabilidade e a prevención son fundamentais para evitar sinistros viarios que poden ter consecuencias irreversibles.
A Garda Civil lembra que os controis preventivos de alcol e drogas teñen como principal obxectivo evitar sinistros viarios e salvar vidas. A colaboración e responsabilidade de todos os condutores resultan fundamentais para conseguir unhas estradas máis seguras.