
A Subdelegación do Goberno en Ourense acollía neste 4 de novembro un obradoiro de fanzines para que a mocidade coñeza o pasado recente e as liberdades acadadas a través da cultura. Esta actividade forma parte da programación impulsada polo Comisionado para os 50 anos de España en Liberdade.
O subdelegado do Goberno, Eladio Santos, asistiu ao inicio da iniciativa para animar aos alumnos e alumnas a aproveitar o obradoiro, impartido pola ilustradora Inés Vázquez, acompañada polo alto inspector de Educación e asesor histórico do proxecto, Xosé Alfeirán, e polo director creativo da iniciativa “España en liberdade. 50 anos, 10 historias”, Manel Cráneo. Ademais, o subdelegado destacou a importancia da cultura como ferramenta de difusión dos valores democráticos.
Durante a sesión, o alumnado elaborou os seus propios fanzines, combinando a creación artística coa reflexión sobre os dereitos e as liberdades democráticas. Participaron 40 estudantes da Escola de Arte e Superior de Deseño (EASD) Antonio Faílde de Ourense, divididos en dúas quendas. O subdelegado trasladou un agradecemento ao centro educativo pola súa participación.

A iniciativa, coordinada polo autor e xestor cultural Manel Cráneo, inclúe a publicación dun volume colectivo no que dez ilustradores abordan os cambios sociais e os dereitos conquistados coa chegada da democracia. Entre os temas tratados figuran o dereito ao voto, a liberdade de expresión, os dereitos laborais, a igualdade entre mulleres e homes, o divorcio, os dereitos LGTBI, o aborto, a sanidade pública e o recoñecemento do galego como lingua cooficial. Da publicación editáronse 600 exemplares, que se distribuirán nas actividades organizadas pola Delegación e as Subdelegacións do Goberno.
Esta actividade forma parte da programación Xuventude e democracia, que aposta pola cultura como vía para achegar a memoria democrática ás novas xeracións. A iniciativa inclúe propostas relacionadas coa música urbana, o cómic, a literatura, o teatro, a regueifa e as redes sociais, con actividades distribuídas polas catro provincias galegas.