
A Policía Local de Ourense despregará un dispositivo especial de ordenación da circulación e restricións de estacionamento o vindeiro mércores, 11 de novembro, con motivo da programación de actividades festivas e actuacións musicais vinculadas á festividade do Magosto, así como pola coincidencia de diversas mobilizacións autorizadas por mor da folga xeral.
Desde as 13:30 horas, procederase ao corte total do tráfico rodado na rúa do Progreso, no treito comprendido entre o acceso á baixada da praza de Abastos e a intersección coa rúa da Concordia.
O transporte público urbano procedente de Tras Alameda poderá desviarse en dirección a Xoán XXIII pola rúa Parada Justel ata as 17:30 horas, cando se levará a cabo o peche total á circulación deste vial. As restricións manteranse ata que rematen as actividades programadas e se despexe a vía.
Para a xornada do 11 de novembro, ademais dos actos festivos, está prevista a realización de diversas manifestacións e concentracións na vía pública (ás 10, ás 11 e ás 18 horas). Por este motivo, poden producirse cortes puntuais, desvíos circulatorios de carácter conxuntural e retencións motivadas polo itinerario dos manifestantes en distintos eixes viarios da cidade. As vías afectadas polas manifestacións son: glorieta de San Rosendo, Progreso, Xoán XXIII, Curros Enríquez e avenida da Habana.