
O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, felicitou á Garda Civil e á Garda Nacional Republicana de Portugal polo traballo que permitiu desarticular unha organización criminal dedicada á distribución de falsificacións en Ourense. Díxoo hoxe xunto ao tenente coronel xefe da Garda Civil de Ourense, Rafael Berguillo; ao capitán da Unidade Organizada da Policía Xudicial, Juan José López Castro, e ao comandante de Operacións Abel Rodríguez.
O subdelegado acudiu esta mañá á Comandancia da Garda Civil para recoñecer “un minucioso e rigoroso labor” feito pola Garda Civil de Ourense e a GNR portuguesa, coordinado pola EUROPOL. Detallou que a investigación durou 18 meses e culminou coa detención de seis persoas que formaban unha organización delituosa transnacional especializada na introdución, almacenamento e distribución de xénero falsificado por todo o territorio nacional.
Eladio Santos puxo en valor a necesaria colaboración entre forzas e corpos de seguridade de distintos países, que “resulta imprescindible para esclarecer delitos”. “A delincuencia non entende de fronteiras e tampouco pode entendelas a resposta de quen garante a seguridade da cidadanía”, remarcou.
O subdelegado e os axentes informaron que a investigación foi dirixida polo Xulgado de Primeira Instancia, nº 1 de Xinzo de Limia, en colaboración coa Fiscalía de Ourense, que emitiron as ordes europeas correspondentes de investigación para coordinar a explotación simultánea do dispositivo a ambos lados da fronteira.

As pescudas levadas a cabo por ambos corpos, relatou Eladio Santos, permitiron descubrir que os integrantes do grupo criminal coordinaban a actividade comercial, contactos con intermediarios e ventas desde as localidades de Verín e Xinzo de Limia e que deslocalizaron ao norte de Portugal a maioría da parte loxística para encubrir as súas actividades e dificultar o control policial.
Os axentes practicaron doce rexistros: catro en Verín, dous en Xinzo de Limia, un na Gudiña e cinco en Portugal. Para a distribución do xénero a compradores de toda España, a rede combinaba transportes terrestres propios con continuos envíos a través de empresas de paquetería urxente, abastecendo a locais comerciais independentes e bazares que actuaban como puntos de venta final receptores da mercancía.
Ademais, incautáronse máis de 109.000 efectos que, segundo describe a Garda Civil, destacaban pola súa extraordinaria calidade de reprodución, tanto en materiais empregados como nos seus acabados e elementos identificativos de marca, cuxo valor de mercado supera os 10 millóns de euros. As seis persoas detidas foron postas a disposición da autoridade xudicial, que declarou o seu ingreso en prisión, investigadas como presuntos autores de delitos contra a propiedade industrial, pertenza a organización criminal e branqueo de capitais.
