
Entre as mesas do bar dos seus pais en Viloira (O Barco), Asunción Sarria Barrio “Chon” medraba, xunto á súa irmá Sonia, descubrindo e meténdose, de cheo, na hostalaría. Herdaba esta profesión da súa mai, Rita, e a ela estivo vinculada practicamente toda a súa vida. E é que durante moito tempo, Asunción Sarria Barrio estaba á fronte de Casa Ignacio en Viloira, un lugar de referencia na hostalaría valdeorresa. Sempre cun sorriso nos beizos, esforzábase por prestar á mellor atención posible aos numerosos comensais que, ao longo dos anos, se teñen achegado ata este establecemento para desfrutar das súas tapas e menús, nos que tamén se notaba a súa boa man como cociñeira.
Esta veciña de Viloira, nai de tres fillas (Nuria, Marta e Leticia), era unha persoa moi coñecida, cercana sociable, e querida e tamén especialmente familiar. Era ademais unha moi activa e, despois de deixar a hostalaría, dedicaba o seu tempo a camiñar a diario, tamén a participar nas actividade de ximnasia que promove a Asociación de Mulleres Rurais San Martiño de Viloira e ás manualidades.
O 19 de novembro, sen perder practicamente ata o final ese sorriso seu tan aberto e característico, Chon falecía aos 61 anos de idade. A súa familia, amigos, coñecidos e veciños daranlle o seu último adeus o sábado 21 de novembro nun funeral previsto ás 12h. na igrexa de San Martiño de Viloira (O Barco) e, despois, será o seu enterro no cemiterio da mesma localidade.
A súa capela ardente está instalada na Sala 2 do Tanatorio Santa Rita, do Barco.