
O doutor Rafael Benito Melero González, reumatólogo do Hospital Universitario de Ourense e responsable do Servizo de Reumatoloxía da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, recibía este sábado o Premio «Liga con Nós», concedido pola Liga Reumatolóxica Galega durante a gala conmemorativa do seu 30 aniversario, celebrada no Pazo da Ópera da Coruña.
Con esta distinción, a asociación recoñece a súa traxectoria profesional, a súa colaboración coas asociacións de pacientes e o seu compromiso coa divulgación científica e cunha atención sanitaria personalizada e centrada nas persoas.
Durante a súa intervención, Melero destacou a importancia de escoitar os pacientes, comprender as súas preocupacións e facelos partícipes das decisións sobre a súa saúde. «Tratamos persoas, non só enfermidades», lembrou o especialista, reivindicando unha medicina na que o coñecemento científico vaia sempre acompañado da proximidade, a empatía e o trato humano.

Na mesma gala tamén foi distinguido outro ourensán, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, quen recibiu o Premio Especial 30 Aniversario en recoñecemento á súa traxectoria profesional e institucional e ao seu apoio continuado á Liga Reumatolóxica Galega.
A celebración serviu para conmemorar tres décadas de traballo desta entidade na defensa dos dereitos, a visibilidade e a mellora da calidade de vida das persoas con enfermidades reumáticas.