En portadaÚltima hora

O CCA O Barco colabora con Cruz Vermella no Venres Negro para impulsar a contratación inclusiva coa campaña «Contrata Sen»

Os establecementos asociados ao Centro Comercial Aberto repartirán bolsas conmemorativas da iniciativa durante a xornada de hoxe, venres 27 de novembro. "A campaña busca sensibilizar o tecido empresarial e a cidadanía sobre a importancia de ofrecer igualdade de oportunidades no acceso ao mercado laboral, sen prexuízos nin estereotipos", di esta asociación

 

O Centro Comercial Aberto (CCA) O Barco colabora co Plan de Emprego de Cruz Vermella en Valdeorras na difusión da campaña «Contrata Sen», unha iniciativa que busca promover a igualdade de oportunidades no acceso ao emprego e avanzar cara a un mercado laboral máis inclusivo.

Con motivo do Venres Negro, unha das xornadas de maior actividade comercial do ano, os establecementos asociados ao CCA distribuirán entre a súa clientela bolsas promocionais da campaña, achegando así esta mensaxe de sensibilización á cidadanía e convertendo o comercio local nunha canle para difundir valores de igualdade e inclusión.

Baixo o lema «Por unha sociedade máis inclusiva, #ContrataSen», a iniciativa convida empresas, comercios e sociedade en xeral a deixar atrás os prexuízos e os estereotipos á hora de contratar, poñendo o foco no talento, nas capacidades, na experiencia e na motivación das persoas, independentemente da súa idade, xénero, orixe ou traxectoria profesional.

Desde o CCA O Barco considérase que o comercio local, ademais de ser un motor económico e dinamizador da vila, tamén pode desempeñar un papel importante na transmisión de valores e na construción dunha sociedade máis xusta e inclusiva.

Ambas as entidades destacan a importancia de sumar esforzos entre o tecido asociativo, empresarial e social para avanzar cara a unha contorna máis igualitaria e con maiores oportunidades para todas as persoas.

Back to top button